Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detida unha banda criminal por máis de 150 roubos en vivendas de todo o país

Detida unha banda criminal por máis de 150 roubos en vivendas de todo o país

A Garda Civil arrestou os doce membros da rede especializada en furtos de casas illadas

G24.gal 06/07/2025 09:51

A Garda Civil, na operación Alambrados-Cepa-Gratus, desartellou unha organización criminal especializada na comisión de roubos con forza no interior de casas illadas en distintos puntos do territorio nacional.

A investigación botou a andar tras varias denuncias por roubo en vivendas da Serranía de Ronda e da comarca de Antequera, na provincia de Málaga, e en Córdoba. Todos tiñan a particularidade de producirse en días festivos ou nas fins de semana.

Para cometeren os delitos, os autores desprazábanse en vehículos alugados, actuando de xeito coordinado cunha repartición das funcións. Uns encargábanse da vixilancia previa, da selección de obxectivos e do control das vías de comunicación próximas para garantir a fuxida.

Outros, desprazábanse a pé ata as vivendas, xeralmente campo a través, cortando os valos metálicos que cercaban as casas. Posteriormente accedían ao interior das vivendas forzando as reixas, xanelas ou portas.

Unha vez no interior, facían unha procura rápida dos obxectos para subtraer, principalmente, diñeiro, xoias, reloxos de alta gama, dispositivos electrónicos e caixas fortes.

A organización criminal contaba cunha infraestrutura loxística que incluía membros que alugaban vehículos mediante a presentación de documentación falsa.

Tamén contaban con vivendas de seguridade que usaban despois de cada roubo e con teléfonos móbiles encriptados para dificultar a  localización da organización criminal.

Rexistros en Murcia

Despois de varios meses de investigación, no mes de maio levouse a cabo a fase de explotación da operación de xeito simultáneo en varias localidades da provincia de Murcia.

Nos tres rexistros domiciliarios detiveron os doce integrantes da banda, recuperáronse numerosas xoias, 12.400 euros en metálico, aparellos electrónicos e ferramentas que usaban para a comisión dos roubos. As xoias e os cartos estaban escondidos en pequenos ocos ocultos nas paredes. 

Polo momento, esclarecéronse 150 delitos de roubos con forza cometidos en distintos municipios das provincias de Málaga, Córdoba, Granada, Xaén, Sevilla, Cádiz, Cuenca, Cáceres, Badaxoz e Ávila.

Os detidos pasaron a disposición xudicial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade