Cancelado o concerto de Diego El Cigala na Coruña ao ser condenado por malos tratos
O Concello prohibiu a actuación prevista no parque de Santa Margarida o 20 de xullo
As persoas con entradas poderán solicitar a devolución ou o cambio para outros concertos
Confirman dous anos e un mes de cárcere para El Cigala por maltrato á súa exparella

Cancelan o concerto de Diego El Cigala previsto para o 20 de xullo no parque de Santa Margarida, na Coruña.
A decisión tomouse despois de facerse pública unha sentenza condenatoria contra o artista por malos tratos á súa exparella.
Segundo informou a organización do ciclo Son do Nordés, a cancelación responde á “prohibición da súa celebración por parte da Concellaría de Cultura” do Concello da Coruña.
A decisión chegou despois dunha primeira petición por parte do BNG e do apoio posterior do goberno local, encabezado pola socialista Inés Rey.
“Como consecuencia da recente sentenza condenatoria por malos tratos que afronta o artista”, sinala a organización no seu comunicado, xustificando así a suspensión do evento.
Devolucións e alternativas para as entradas
As persoas que compraran as entradas a través da plataforma Ataquilla.com recibirán automaticamente a devolución do importe. Quen o fixera na web da organización poderá solicitar a devolución ou ben o cambio para asistir aos concertos de Luis Fonsi ou Il Divo, tamén incluídos na programación.
“Lamentamos profundamente todas as molestias causadas por esta situación sobrevida e agradecemos de antemán a comprensión e empatía do público asistente”, conclúe o comunicado.