Publicador de contidos

Publicador de contidos

Interior reforza a protección ás vítimas de violencia machista durante o verán

Interior reforza a protección ás vítimas de violencia machista durante o verán

A secretaria de Estado de Seguridade, Aina Calvo, enviou unha instrución, datada o 23 de xuño, en que pide ese reforzo ata o 14 de setembro, dado que as estatísticas mostran que o período estival é un dos máis críticos para as vítimas de violencia machista

Segundo informou o Ministerio do Interior, os axentes terán que extremar as medidas de seguridade en casos de especial relevancia ou que inclúen a menores en risco, en que a muller sufrise episodios previos de violencia con outros autores e agresores persistentes

EFE/J.L. Cereijido EFE/J.L. Cereijido
G24.gal 26/06/2025 13:07 Última actualización 26/06/2025 13:35

O Ministerio do Interior ordenou aos corpos policiais que operan no Sistema VioGén 2 que reforcen as medidas de protección ás vítimas de violencia de xénero durante os meses de verán despois de que no mes de xuño asasinasen a sete mulleres e a un neno.

A secretaria de Estado de Seguridade, Aina Calvo, enviou unha instrución, datada o 23 de xuño, na que pide ese reforzo ata o 14 de setembro, dado que as estatísticas mostran que o período estival é un dos máis críticos para as vítimas de violencia machista.

Segundo informou o Ministerio do Interior, os axentes terán que extremar as medidas de seguridade en casos de especial relevancia ou que inclúan menores en risco, nos que a muller sufrise episodios previos de violencia con outros autores e agresores persistentes e en todos aqueles en os que consten problemas de saúde mental e de adiccións ou abuso de substancias, sobre todo alcol.

Deberán considerar de maior risco os episodios de altas temperaturas, dado que agudizan dinámicas de crises nas relacións e aumentan a probabilidade de condutas agresivas, así como as fins de semana e os días previos a festividades de calquera natureza.

A instrución, á que tivo acceso EFE, tamén pon o foco en incrementar as canles de comunicación coa contorna das vítimas aumentando as posibilidades de recibir información veraz e actualizada que permita ir axustando adecuadamente o risco e a protección da vítima, e lembra aos axentes cumprir de forma "efectiva e rigorosa" o novo protocolo para a valoración do risco incorporado recentemente no Sistema VioGén 2.

Este novo protocolo, segundo Interior, mellora esta avaliación policial ao precisar o perigo dos agresores a partir de elementos como os antecedentes violentos, o consumo de alcol ou outros tóxicos e as súas características de impulsividade e agresividade, en especial cando foran condenados por lesións moi graves ou homicidios.

Actuacións ante episodios violentos sen denuncia

A directriz extraordinaria tamén reforza as actuacións para a detección precoz de posibles casos de malos tratos que aínda non foron denunciados a través do que se denomina 'Protocolo cero', unha guía para saber como deben estudar os axentes un episodio delituoso para detectar condutas impulsivas e controladoras no agresor. 

Estas precaucións están recomendadas en especial nos denominados ‘casos resistentes’, aqueles en que a vítima, a pesar da protección ofrecida polo sistema, rexeita ou dificulta a asistencia e as medidas de seguridade. Nestes supostos, os axentes deberán buscar a implicación dos servizos sociais ou outros recursos asistenciais ao seu alcance para dar unha resposta máis eficaz a estes casos tan complexos nos que é necesaria unha detección precoz do risco que permita activar accións concretas e específicas para cada vítima.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade