Un detido e cinco feridos leves tras outra noite de disturbios en Torre Pacheco
A intervención das forzas de seguridade impediron que a situación de violencia fose a máis no municipio murciano
A Garda Civil ten despregados 75 axentes e contan coa chegada de reforzos ante posibles novos enfrontamentos
Os altercados prodúcense tras a brutal agresión sufrida o mércores pasado por un veciño da localidade de 68 anos
Este domingo Torre Pacheco, en Murcia, volvía durante o día á calma e á normalidade. O municipio vivía esta fin de semana a segunda noite consecutiva de disturbios, que deixaron cinco feridos leves, que non precisaron hospitalización e un detido. A intervención das forzas de seguridade impediron que a situación de violencia fose a máis.
Os disturbios producíanse tras novas protestas veciñais, en resposta a unha brutal agresión sufrida por un home de 68 anos, que foi supostamente atacado hai uns días por un grupo de mozos de nacionalidade marroquí.
"Non chegou a cousa a máis pola intervención da Garda Civil e da Policía Local, souberon conter moi ben para que non se chegase ao enfrontamento e lanzamento de obxectos", dixo Pedro Ángel Roca Tornel, alcalde de Torre Pacheco.
Segundo as autoridades, os disturbios foron alentados por convocatorias difundidas a través de redes sociais organizadas por grupos ultras, con mensaxes xenófobas que chaman a "cazar" magrebís.
A Garda Civil ten despregados 75 axentes e contan coa chegada de reforzos ante posibles novos enfrontamentos.
"Ese dispositivo está a dar os seus froitos, imos continuar con esa despregadura reforzada, ese reforzo será gradual en función dos acontecementos", engadiu Francisco Pulido, coronel xefe da Garda Civil.
"Os reforzos séguense ampliando, os antidisturbios forman parte dese reforzo por se volveran persoas violentas doutras partes de España", destacou Mariola Guevara, delegada do Goberno en Murcia.
A Asociación profesional IGC (Independentes da Garda Civil) súmase á petición do alcalde de Torre Pacheco de que se incremente o cadro de gardas civís para protexer a toda a cidadanía.
"A seguridade esixe medios, respaldo e firmeza institucional", dixo Daniel Fernández, voceiro de IGC.
As autoridades e as forzas de seguridade chaman a veciñanza a manter a "calma".