Segue a busca de dúas persoas desaparecidas durante a DINA en Cataluña
Non hai denuncia formal, pero algúns veciños din que unha muller e unha nena foron arrastradas polas augas
Máis de cen expertos en rescate seguen buscando no río Foix ao seu paso pola localidade barcelonesa de Cubelles as dúas persoas desaparecidas na zona este sábado.
Aínda que non hai denuncia formal destas desaparicións, varios veciños aseguran que dúas persoas trataron de cruzar por unha pasarela sobre o río Foix, nun lugar próximo á súa desembocadura no mar, e foron arrastradas polas augas.
O río baixaba moi forte, a consecuencia das chuvias torrenciais da DINA e do desbordamento dun encoro da zona.
"E esta é a información coa que nós traballamos, que é a dunha testemuña que di que viu dúas persoas que puideron ser arrastradas pola forza do río, polo que os bombeiros están traballando na zona con todos os medios para poder atopar a estas persoas, se é que foron arrastradas polo río, manifestou en Cubelles Nuria Parlón, conselleira de Interior e Seguridade de Cataluña.
"Inspeccionamos moito a zona, e polo momento non atopamos nada, e agardemos que non sexa verídico", engadiu Rosa Fonoll, alcaldesa de Cubelles.
Agora, mentres segue a busca por terra, aire e mar, no resto de Cataluña e tamén en Aragón, tratan de recuperar a normalidade interrompida pola DINA, que deixou tamén tras de si ducias de coches estragados e edificios anegados, entre eles o do hospital de Vilafranca do Penedés, de onde foron evacuados os 71 doentes internados nese momento.
O tráfico ferroviario, interrompido totalmente en Cataluña este sábado pola tarde, xa recuperou a normalidade.