Junts non apoiará o financiamento acordado para Cataluña: "É unha tomadura de pelo"
O secretario xeral de JxCat, Jordi Turull, di que o sistema pactado entre a Generalitat e o Goberno central non arranxa nada do que se quería cambiar

O secretario xeral de JxCat, Jordi Turull, avanzou este martes que o seu partido non apoiará o modelo de financiamento para Cataluña pactado onte luns na reunión da Comisión Bilateral Generalitat-Goberno central, porque o considera unha tomadura de pelo.
Así o afirmou en declaracións a TV3, despois de que o Goberno e a Generalitat pactasen a estrutura do novo modelo de financiamento singular, que prevé que Cataluña recade todos os impostos e transfira unha parte ao Estado, un esquema xeneralizable a outras comunidades, cuxos prazos e cifras aínda non se definiron.
Para Turull, o acordado na Comisión Bilateral onte luns é a perpetuación xustamente daquilo que se quería cambiar.
"É a consolidación do café para todos: pasamos do café para todos ao singular para todos. É xustamente ao que os partidos independentistas estabamos a opoñernos", remarcou.
Na súa opinión, o documento asinado entre Generalitat e Goberno non arranxa nada do que se quería cambiar en materia de financiamento e non responde para nada a aquilo que se dixo do concerto económico solidario, que anunciou ERC co seu pacto de investidura co PSC, hai case un ano.
Por todo iso, Turull advertiu de que se este documento se converte nunha iniciativa lexislativa que se somete a votación no Congreso, os sete deputados de JxCat non lle darán apoio.
"Se isto de onte se converte nun papel que entra no Congreso dos Deputados e se ten que votar, non o podemos votar de ningunha maneira", subliñou.
Turull destacou que nin tan sequera a ERC, que é quen asinou o pacto de financiamento singular cos socialistas, lle gustou o acordo de onte na Comisión Bilateral.