A Fiscalía brasileira pide condenar a Bolsonaro polo intento de golpe de Estado contra Lula
Gonet pide condena para Bolsonaro e sete colaboradores seus
Hai outra trintena de sospeitosos pendentes de xuízo
Trump defende o expresidente brasileiro

O fiscal xeral do Brasil, Paulo Gonet, pediu condenar o expresidente Jair Bolsonaro e sete antigos colaboradores polo suposto intento de golpe de Estado contra Luiz Inácio Lula da Silva.
Gonet solicitou á Corte Suprema nas alegacións finais do proceso condenar os acusados por cinco delitos, entre os cales están o de golpe de Estado, organización criminal armada e tentativa de abolición violenta do Estado democrático de dereito.
Bolsonaro e os outros imputados, exministros do seu goberno e militares de alto rango, enfróntanse a unha pena que podería chegar dos 12 aos 40 anos de prisión.
O fiscal xeral afirmou que hai unha gran cantidade de probas, coma manuscritos, arquivos dixitais, mensaxes... que revelan a trama conspiradora.
Ademais, os interrogatorios revelaron que os acusados participaron nunha organización criminal que buscaba derrocar un goberno elixido de maneira lexítima e a destrución de edificios públicos.
Gonet vinculou desta maneira directa a Bolsonaro e os outros sete acusados cos graves episodios do 8 de xaneiro de 2023.
Ese día, miles de simpatizantes de ultradereita vandalizaron as sedes do Supremo, o Congreso e a Presidencia, forzando a intervención das forzas armadas.
Así, o fiscal xeral conclúe que os oito acusados dirixiron accións para ter una permanencia autoritaria no poder garantida a través de tentativas de ruptura violenta da orde.
Este caso xa tramita na Primeira Sala do Supremo. Logo das alegacións da Fiscalía, agora tócalles aos imputados presentar as súas posicións.
Despois, o xuízo vai entrar na fase final e quedará listo para sentenza, que se prevé entre setembro e outubro.
Ademais dos oito acusados como líderes da organización, hai outra trintena de sospeitosos pendentes de xuízo.
O xuízo contra Bolsonaro viuse sacudido por Donald Trump, quen anunciou un arancel do 50 % ás importacións brasileiras ao considerar que o seu aliado é vítima dunha caza de bruxas.