Bolsonaro, condenado a 27 anos de prisión por intento de golpe contra Lula
O expresidente brasileiro, baixo arresto domiciliario, é sentenciado a 27 anos e 3 meses de cadea por golpismo e outros catro cargos contra a orde democrática
O defensa de Bolsonaro confirma que apelará, mesmo no eido internacional
Europa Press / Contacto / Leandro Chemalle - Only For Use In Spain
O expresidente brasileiro Jair Bolsonaro foi condenado a 27 anos e 3 meses de cadea tras ser declarado culpable de atentar contra a orde democrática pola Primeira Sala da Corte Suprema, nun ditame por catro votos a un. É unha sentenza inédita, xa que é a primeira vez que un mandatario brasileiro é condenado por intento de golpe de Estado.
O voto definitivo foi o do presidente da Primeira Sala, Cristiano Zanin, antigo avogado do actual mandatario Luiz Inácio Lula da Silva, contra quen Bolsonaro conspirou tras perder as eleccións de 2022.
"As probas permiten concluír que os acusados pretendían romper o Estado democrático de dereito e asegurar a permanencia no poder de Jair Messias Bolsonaro", dixo Zanin no seu voto, que deixou unha maioría de catro a un na condena de Bolsonaro e outros sete reos, entre os que figuran exministros e antigos xefes das Forzas Armadas.
Só un voto particular en favor de Bolsonaro
Seis dos oito condenados son das Forzas Armadas: Bolsonaro, capitán retirado do Exército e baixo arresto domiciliario desde agosto pasado, condenado a 27 anos e 3 meses de prisión en réxime pechado, o excomandante da Mariña Almir Garnier e os xerais da reserva Augusto Heleno, Paulo Sérgio Nogueira e Walter Braga Netto, sentenciados a penas de entre 19 e 26 anos de cárcere. A condena aínda non é firme, é posible interpoñer recurso contra ela.
A maioría da corte asumiu as teses da Fiscalía. Só un dos maxistrados votou pola absolución do exmandatario neste xuízo, marcado polas presións do presidente dos Estados Unidos Donald Trump para arquivar o proceso mediante sancións aos xuíces do Supremo brasileiro e aranceis do 50 % aos produtos do país.
O tribunal considera probado que Bolsonaro se valeu das estruturas do Estado para poñer en marcha un plan que buscou desmantelar os poderes constitucionais, depoñer pola forza o Goberno de Lula e impoñer unha verdadeira ditadura.
"Bolsonaro instrumentalizou o aparello estatal e mobilizou axentes e recursos públicos para promover falsas narrativas que xerasen inestabilidade social a fin de perpetuarse no poder", declarou o xuíz relator Alexandre de Moraes.
O maxistrado impútalles os delitos de abolición do Estado democrático de dereito, golpe de Estado, organización criminal, deterioración do patrimonio protexido e dano cualificado.
No caso de Bolsonaro, a acusación formulada pola Fiscalía Xeral concibe unha agravante, pois considérao xefe da organización criminal que tentou impedir a toma de posesión de Lula, tras a súa vitoria nas eleccións de 2022 fronte ao líder da extrema dereita.
A trama para derrocar a Lula
Segundo a acusación formulada pola Fiscalía Xeral e aceptada por catro dos cinco xuíces, a conspiración comezou en xuño de 2021, pouco máis dun ano antes das eleccións e cando Lula comezaba a despuntar nas enquisas.
A trama foi desenvolta en diversas fases e comezou cunha dura campaña de descrédito contra as institucións e o sistema electoral do país dirixida polo propio Bolsonaro, de acordo á acusación.
A conspiración pasou das palabras aos feitos despois de que Lula gañase as eleccións de outubro de 2022, con intensas protestas, atentados frustrados pola Policía e campamentos nas portas dos cuarteis nos que miles de bolsonaristas esixían ao Exército que impedise a investidura de Lula.
O líder progresista asumiu o poder finalmente o 1 de xaneiro de 2023, e, unha semana despois, miles de activistas de ultradereita saíron dun deses campamentos en Brasília para asaltar con violencia as sedes da Presidencia, o Parlamento e a propia Corte Suprema.
De acordo á Fiscalía, esa acción foi o corolario dunha trama golpista que, segundo a acusación, foi liderada e dirixida persoalmente por Bolsonaro, co obxectivo de perpetuarse no poder e instalar unha ditadura no Brasil.
O tribunal constatou que mesmo avalou un plan macabro para asasinar a Lula, ao seu vicepresidente Geraldo Alckmin e ao propio De Moraes.
Só fracasou pola negativa dos comandantes do Exército e a Aeronáutica.
Bolsonaro confía nunha amnistía
Bolsonaro, quen sempre negou que quixese dar un golpe, escoitou a sentenza na súa casa, en Brasilia, por motivos de saúde. As súas esperanzas radican agora nunha amnistía que promove o seu partido no Parlamento e en novas sancións do Goberno de Trump, ata o de agora inútiles.
Os seus problemas xudiciais non empezan nin terminan con esta condena. En 2023, foi inhabilitado por oito anos e aínda é investigado por supostamente tentar obstruír o xuízo por golpismo, por diseminar noticias falsas e por apropiarse dunhas xoias que serían do acervo estatal.
Mentres, nas rúas, houbo mornos festexos da esquerda e unhas poucas protestas, con escasa afluencia, do bolsonarismo.