Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un terremoto de 5,5 sacode o Mediterráneo e séntese en España, Marrocos e Alxeria

Un terremoto de 5,5 sacode o Mediterráneo e séntese en España, Marrocos e Alxeria

Os servizos de emerxencias recibiron decenas de chamadas de particulares nos minutos posteriores ao terremoto

Rexistradas trece réplicas e danos materiais leves no aeroporto de Almería

O concello de Lorca activou na súa fase de preemerxencia o seu plan de protección civil e está a avaliar o estado dalgunhas infraestruturas do municipio, afectado gravemente por dous sismos en 2011

Instituto Xeográfico Nacional
G24.gal 14/07/2025 08:35 Última actualización 14/07/2025 10:05

Un sismo de magnitude 5,5 sacudiu ás 07:13 horas o mar Mediterráneo fronte ás costas de Cabo de Palos, en España, aínda que se notou tamén en Marrocos e Alxeria. Rexistráronse trece réplicas.

De momento, as únicas incidencias materiais confirmadas foron danos en falsos teitos: un deles nun concesionario Toyota de Huércal de Almería, e outro no aeroporto almeriense, onde se desprendeu parcialmente o falso teito da cafetería situada na zona de facturación. A zona foi acordoada e non se rexistraron danos persoais.

Tamén se recibiron avisos puntuais desde Granada, Málaga e Xaén capital. En ningún destes casos producíronse feridos nin incidencias graves.

O concello de Lorca, en Murcia, activou na súa fase de preemerxencia o seu plan territorial de protección civil e está a avaliar o estado dalgunhas infraestruturas do municipio, que resultou afectado gravemente por dous sismos en maio do ano 2011.

Os servizos de emerxencias recibiron decenas de chamadas de particulares nos minutos posteriores ao terremoto e mesmo durante uns minutos se activou unha alerta por posible maremoto nas costas españolas da zona, desactivada xa.

Segundo o Instituto Xeográfico Nacional (IXN) español, o tremor tivo o epicentro a unha profundidade de 2 quilómetros e alcanzou unha intensidade máxima de IV na escala EMS, o que indica unha sacudida claramente percibida pola poboación.

De feito, activouse o sistema de alertas sísmicas de Android, que enviou notificacións automáticas a numerosos teléfonos móbiles de veciños das provincias españolas de Almería e Granada.

A alerta enviada aos móbiles incluía un conxunto de recomendacións detalladas para actuar tras un terremoto, entre elas: poñer zapatos antes de moverse, mesmo dentro de casa, e comprobar se hai cheiro a gas; nese caso, aconséllase pechar a chave de paso do edificio ou evacuar se non é posible facelo con seguridade.

Tamén se advertía sobre a necesidade de evitar estruturas danadas, revisar se hai gretas ou signos de posible derruba, non tocar cables eléctricos caídos nin utilizar chemineas deterioradas.

Ademais, o sistema instaba a apagar incendios pequenos se se detectaban, comprobar posibles danos nos cables, as tubaxes e os electrodomésticos, e recoller auga, medicamentos e provisións básicas se hai cortes de subministración. En zonas costeiras, recomendábase desprazarse a lugares elevados tras o tremor ante o risco de tsunami.

A alerta tamén anticipaba que podería haber réplicas e incluía acceso a información adicional e configuración do sistema de alertas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade