Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Festa da Ameixa Roxa da Illa, algo máis que un encontro gastronómico

A Festa da Ameixa Roxa da Illa, algo máis que un encontro gastronómico

O club de ximnasia rítmica Arousa organiza este evento para xuntar fondos para as súas actividades

Nas carpas montadas no porto do Xufre
G24.gal 31/08/2025 14:39 Última actualización 31/08/2025 14:49

Nas carpas montadas no porto do Xufre, na illa de Arousa, hai mesas para acoller arredor dun milleiro de comensais. Desde o venres celébrase a festa da ameixa roxa. Cociñáronse 500 quilos de ameixa en distintas preparacións e outros produtos. Todo local, adquirido na lonxa.

"Vén de aquí, si, da lonxa que compramos aí. É todo produto local, aínda que é verdade que o mar non está como ten que estar e o marisco escasea, pero nós temos para que veña todo o mundo e gocen coa comida", salienta Ainhoa Boullosa, vogal do club de ximnasia rítmica Arousa.

A escaseza fai subir a cotización do marisco, pero a organización preferiu manter os prezos nun niveis accesibles para todos os petos. Esta non é só unha festa gastronómica. Organizada polo Club de ximnasia rítmica Arousa, con 35 nenas e nenos inscritos, nela colaboran maiores e pequenos.

"Estou de cociñeira, fago tortillas, ademais hai filloas, paellas, ameixas á mariñeira e con fabas. Hai de todo e non é moi caro", di Lolita Outeda, avoa dunha pequena ximnasta.

"O tempo non axudou moito, pero houbo xente e queremos que veña máis. Con estas festas axudamos as nenas do club durante todo o ano a sufragar os gastos das viaxes e todo o que implica a actividade do club", explica Ainhoa Boullosa, vogal do club de ximnasia rítmica Arousa.

Esta noite aínda están a tempo de achegárense cear. E, se non lles cadra, a fin de semana vindeira fan a Festa do Polbo con distintas preparacións e prezos tamén razoables.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade