Medra a bo ritmo a ostra plana que a confraría de Barallobre tenta recuperar na zona
A previsión é conseguir 150 quilos de ostra para rexenerar os bancos marisqueiros
A confraría de Barallobre avaliou os primeiros resultados do proxecto de rexeneración da ostra plana que están desenvolvendo na ría. Hai dous meses instalaron estruturas con semente na zona intermareal e este sábado comprobaron que está medrando a bo ritmo.
Nunhas mesas que quedan somerxidas en canto sobe a marea medran as ostras que nun futuro repoboarán os bancos marisqueiros da confraría de Barallobre.
A mediados de xullo colocaron a semente nos sacos de malla. En oito meses deberan pasar de 10 milímetros a 60, para poder liberalas. Hoxe revisaron o seu crecemento para ver se este proxecto de rexeneración vai segundo o previsto.
"Estamos vendo que están crecendo bastante. De feito, algunhas xa están en 30 milímetros ou máis, e por iso as estamos pasando hoxe a sacos coa malla máis grande para que estean máis osixenadas e poidan crecer moito mellor. O verán favoreceu este crecemento pola temperatura da auga. Pero as ostras comúns teñen bastantes problemas, así que imos vendo", explica Laura Carquijero, bióloga da Confraría de Barallobre.
"Hai que estar pendente das algas pero hai que intentalo. Sen traballo non hai nada. Aínda queda tempo, pero se sae para diante podemos ver de recuperar esta especie", asegura Rocío Carreiras, presidenta da agrupación de mariscadoras de a pé.
A previsión inicial é sacar uns 150 quilos de ostra que se incorporará ao seu medio natural, e que alí siga crecendo e desove para aumentar a produción. Os resultados, se todo vai ben, chegarían en ano e medio.