Publicador de contidos

Publicador de contidos

Mexillón de Galicia pide fortalecer a marca para competir co molusco de fóra

Mexillón de Galicia pide fortalecer a marca para competir co molusco de fóra

Só un de cada dez mexillóns que se cultivan nas rías está certificado polo Consello Regulador

A produción en Galicia caeu un trinta por cento sen que se aclarasen exactamente as causas

G24.gal 23/09/2025 14:51

Mexillón de Galicia chega á maioría de idade preocupado polo futuro. A denominación de orixe, a primeira dun produto do mar recoñecida en Europa, fai dezaoito anos con dous grades retos por diante. Por unha banda, a caída da produción, que nos últimos anos baixou ás cifras dos anos noventa. En 2024 contabilizáronse 178 millóns de quilos, un trinta por cento menos que dous anos atrás. Varios estudos analizan as causas pero non hai aínda unha resposta concluínte.

"Pode deberse a un exceso de choivas, pode deberse ás correntes, ao propio cambio climático. Eu entendo que pode deberse á conxunción de moitos factores aínda que me gustaría pensar que é un tema cíclico", explica o presidente do Consello Regulador, Mané Calvo.

Hai menos mexillón e pouco, proporcionalmente, unido ao Consello Regulador. Só un dez por cento deste molusco producido nas nosas rías está certificado pola DOP. O Consello Regulador reclama a cohesión do sector para fortalecer a marca e ter, así, un atributo co que poder competir con rivais como a China ou Chile.

"O problema que temos é que non estamos escoitando ou, ata agora, non estabamos escoitando ao consumidor final", admite o secretario do Consello Regulador, Joaquín Garrido. "Ao consumidor hai que facilitarlle a idea de que, como mexillón galego, só se pode garantir ao cen por cento o que leva o selo de Mexillón de Galicia".

"Marrocos empeza a producir mexillón; Nova Zelandia empeza a producir mexillón. Como non nos unamos dentro dun selo e garantamos unha orixe, as cousas poden complicarse un pouco", advirte o bateeiro José Manuel Oubiña, presidente da Asociación de Mexilloeiros da Illa de Arousa.

Por iso, a DOP insiste en promover o seu selo.

A cociñeira Ofelia Hentshel, a nutricionista Lidia Folgar e o coñecido presentador larpeiro Adrián Díaz participaron nunha xornada en Vilagarcía de Arousa para dar as coñecer as propiedades gastronómicas do ouro laranxa das rías galegas: pode degustarse en paté, en empanada, en ceviche, en escabeche, e sempre deixa bo sabor de boca.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade