A Festa do Marisco do Grove bate marcas nunha edición con máis presenza estranxeira
Zamburiñas, navallas e polbo triunfan nunha edición de récord
Vendéronse case 180.000 racións na semana e media que dura o evento
Día solleiro, de festa, con produto de calidade e nun paraíso atlántico das Rías Baixas, pouca sorpresa é que a Festa do Marisco do Grove supere os seus propios rexistros.
Con case 180.000 racións vendidas na semana e media que dura o evento, desta volta bateuse a cifra de recadación das 62 edicións que vén celebrando esta festa de interese turístico nacional. E non é para menos.
Aumentou a asistencia estranxeira e consolídase o turismo nacional, con moitos grupos procedentes de Valencia ou Tenerife, entre outros.
O polbo, as zamburiñas, as navallas e o arroz de mariscos foron os petiscos preferidos dos asistentes hoxe, pero para nada os únicos. De feito, moitos eran os que tamén degustaban os mexillóns, as nécoras e algunha que outra ración de percebes.
A Festa do Marisco do Grove botaba o fecho este domingo cunha sensación de satisfacción entre os asistentes, pero tamén de que o ano que vén pode ser aínda mellor.