Publicador de contidos

Publicador de contidos

Marisqueo con vistas ao Nadal nas praias de Moaña

Marisqueo con vistas ao Nadal nas praias de Moaña

Traballan en Domaio e Meira, nas zonas reservadas para estas datas

Quéixanse de prezos baixos para a época do ano

 

 

G24.gal 05/12/2025 14:20

Despois do parada da toxina, as mariscadoras de Moaña retomaron a actividade nos bancos que reservan para o Nadal.

"Facemos unha especie de barbeito, como na terra, rotando entre zonas para que o marisco recupere e medre".

"Deixamos zonas reservadas para estas datas, pero os prezos este ano non acompañan", explica María Dolores Álvarez, presidenta das mariscadoras de Moaña.

Esta semana tocoulles traballar baixo a chuvia e con pouca luz para aproveitar a baixamar nas praias de Meira e Domaio. Fixaron cotas pequenas para non esquilmar os bancos pero, así e todo, leva tempo completalos.

"Podemos coller cinco quilos de xapónica e un de fina, pero leva moito tempo logralo, sobre todo no caso da fina".

"O marisco non medra como antes, non sei se é falta de alimento, temperatura da auga, sucidade, ou todo xunto".

Pasado o control e a selección por calibres, as ameixas póxanse pola tarde na lonxa de Vigo onde os prezos están a ser discretos pola época do ano. Din que o problema está na entrada de marisco de fóra.

"Só tes que ver o supermercado, de Francia, de Marrocos, de todos os lados. Pero o sabor da ameixa da ría non é comparable e tamén tes que ver as condicións na que a collemos".

"Entra moito marisco de fóra e abastece o mercado. A xente quere comprar barato, e moitas veces ata pensan que levan marisco galego e non o é", di a presidenta.

Explican que agora mesmo teñen menor prezo que no verán, cunha media de 16 euros o quilo de xapónica e 49 o da fina. Agardan que a medida que pasen as semanas as cotizacións suban e con elas suban tamén os ánimos dun sector que acumula momentos difíciles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade