Publicador de contidos

Publicador de contidos

A baixa salinidade provoca a morte masiva da navalla na ría de Arousa

A baixa salinidade provoca a morte masiva da navalla na ría de Arousa

Os mergulladores da Illa e Vilanova falan dunha "catástrofe peor á do 2023"

O exceso de auga doce tamén afecta outro recursos específicos como anémonas ou algas

G24.gal 17/02/2026 14:01

Catástrofe, hecatombe, desastre. Os mergulladores da Illa de Arousa quedan sen palabras para describir o que están atopando nos fondos da ría. Un cemiterio de navallas mortas por culpa da baixa salinidade da auga.

"Onte confirmouse a hecatombe. Sacamos 240 quilos de navalla e ameixa morta. Nunca nos pasou tal, nin no 2023 que foi un ano especialmente grave. Houbo moitas confrarías paradas por culpa da chuvia e a baixa salinidade e creo que estea ano vai ser peor", explica Juan José Rial Millán, patrón Maior da Illa de Arousa.

Moi preto, no porto de Vilanova, os submarinistas nos convidan a probar a auga. Está doce, tanto na superficie coma no fondo.

"Baixamos a catro metros de profundidade, quitamos o tubo, probamos a auga e estaba doce, xa sabiamos que isto ía pasar", comenta Esteban Val López, voceiro dos mergulladores de Vilanova.

Culpan os continuos temporais da baixa salinidade. Pero tamén hai quen sospeita da apertura de encoros. 

"Hoxe ás oito da mañá a porcentaxe de salinidade da auga estaba en vinte, ás dez e media estaba en cero, tede en conta que a auga doce ten un, estaba aínda máis baixo. Esa baixada tan repentina en dúas horas... hai quen desconfía que abriron os encoros", di o patrón de Vilanova.

Nesta zona o vento tampouco axuda a retirar a auga doce dos bancos, que non só esta a matar á navalla senón tamén as anémonas, os poliquetos e as algas, os chamados recursos específicos, dos que viven estes profesionais.

"Está todo morto, navallas, longueiróns, algas. Non é só marisqueo, este ano é peor que 2023", explica o patrón de Vilanova.

"Estamos nun punto crítico. Aquí en Vilanova somos nove mergulladores e catro xa buscaron alternativas en terra, cando antes daba para todo o ano", engade o submarinista.

Din que malia que o tempo cambie a recuperación do recurso pode levar anos despois dun golpe así. Á espera de que o sector se reúna para avaliar os danos, agardan que as poucas navallas que quedan sobrevivan ao que resta de inverno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade