O bocarte anima o cerco galego con 2.000 toneladas en tres semanas
Os cerqueiros apuran a pouca cota que lles quedaba sen pescar na costeira do Cantábrico
O tamaño anda entre 38-44 grans e págase arredor de dous euros
Lonxas como Portosín, Camariñas ou A Coruña poxaron máis de 400 toneladas
O Nuevo Playa de Cariño é un dos cinco cerqueiros que este venres descargaron no porto da Coruña. Traballaron cara á zona de Fisterra, onde nos últimos días apareceu un banco de bocarte. Descarga 500 caixas, uns 4.000 quilos. A frota está estirando a pouca cota que lles quedaba sen pescar na costeira do Cantábrico, na zona VIIIc.
"Eu creo que a semana que vén ou nun par de semanas esgotamos a cota. Traemos entre catro e cinco mil quilos cada día para ir aguantando", di Fernando Queiruga, patrón do Arela, de Porto do Son.
No Muro da Coruña poxáronse uns 20.000 quilos pero nas últimas tres semanas foron máis de 400.000 quilos. E non foi a única lonxa con eses rexistros: Portosín, Ribeira ou Camariñas tamén andan por esas cantidades. En total, 2.100 toneladas. Case o doble que o ano pasado nesas datas.
Tamaño mediano e bo prezo
A maioría das capturas van para o fresco nesta época. Os cerqueiros venderon este venres a máis de 3 euros porque foron poucos os que descargaron, pero o habitual nas últimas semanas é que a cotización oscile entre os dous e os tres euros.
O bocarte mídese en grans, que son o número de exemplares que entran nun quilo. É dicir, canto menor sexa o número máis grande será o tamaño do peixe. O bocarte máis cotizado polas conserveiras é de 30 para baixo.
"O que vendemos é de 40 grans. Entre 38-44 grans é o que estamos pescando. Na zona da IX é un pouco máis pequeno, sobre 50 grans. Ás veces aparece máis grande pero en xeral é máis pequeno o de alí que o de aquí", comenta Fernando Queiruga.
Boa costeira no Cantábrico
Un cento de cerqueiros galegos trasládanse todos os anos o Cantábrico para facer a costeira do bocarte na primavera. Este ano houbo peixe de bo tamaño e as conserveiras pagárono entre tres e cinco euros.
O stock segue en bo estado. A campaña BIOMAN de AZTI estima que a biomasa é de 155.000 toneladas.