Os prezos da ameixa animan o marisqueo na ría de Pontevedra
A ameixa fina pode chegar aos 100 euros o quilo
As cotas permitidas son pequenas porque o recurso escasea
Despois dos temporais do inverno, os ánimos estaban moi baixos entre os mariscadores. Pero aquí no banco de Lourido, en Poio, decidiron seguir traballando no verán, e non se arrepinten.
"Nesta praia imos tendo algo de marisco, non chove, e ben".
"Este verán esta indo ben, o prezo mantense ben pero hai escaseza".
"Non compensa todo o que pasamos, pero algo anima".
As cotas permitidas son pequenas, pero a que sacan págase ben. A demanda é alta neste tempo de vacacións. E hai quen está disposto a pagar prezos de Noiteboa para poñer este manxar na mesa.
"A xapónica está a uns 20 euros o quilo e a fina, que é moi escasa, pode pagarse desde 50 a 80 euros quilo, e ata case cen", explica Raquel Gómez Lourido, a presidenta da agrupación de marisqueo de San Telmo.
"Polo menos este mes queda algo de marxe para pagar o seguro de autónomos e que quede algo, o mes pasado non quedaron nin 500 euros, así non se pode".
Malia este respiro a situación segue a ser complicada para o sector, que suma unha nova preocupación: a temperatura da auga.
"Temos medo de que morra, está a auga quentísima".
"De feito a fina igual hai que quitala xa porque chega un momento que non medra máis e pode morrer pola temperatura".
"Polo momento non afectou moito, pero non é boa esta temperatura".
Malia as dificultades, aquí non queren abandonar o raño. Polo menos neste banco, onde, a diferenza do de Combarro, a ameixa aguantou o inverno.