Comeza a escalada dos prezos do peixe e marisco a un mes do Nadal
O que máis sobe é a cigala, o camarón e a centola
Para esquivar prezos desorbitados, hai quen opta por mercar xa e conxelar
Ateigados de peixes e mariscos están este martes os postos deste mercado da praza de Lugo, na Coruña. Malia que algunha especie, como o santiaguiño, escasea.
"Hoxe, por exemplo, só houbo tres quilos". "O que escasea é a centola. Hai pouca". "Falta a pescada porque como os topes son anuais, ao chegar a novembro é complicado que haxa moita", comentan as vendedoras.
O caso é que algúns destes manxares comezaron xa a súa particular escalada de prezos.
"Eu levo 17 anos na praza e nunca os vin tan disparados nestas datas. Antes comezaban a subir na ponte de decembro, pero este ano parece que veñen subidos de fábrica".
O que máis está subindo é a centola, a cigala e o camarón porque, segundo contan as vendedoras, son os mariscos que mellor conxelan e os que xa están a levar os consumidores para as súas casas. Pero tamén porque de cara ao Nadal poden duplicar os seus prezos.
"Esta centola que agora está a 22 euros, pode chegar aos 45 euros como no Nadal pasado".
E por isto, cando aínda falta un mes para o Nadal, en moitos fogares comezaron xa a encher os seus conxeladores.
"Mercan e conxelan. Así se aseguran de que non van pagar tanto polo mesmo e tamén de que non van ter sustos de última hora".
Malia que é xa unha tradición que estes produtos suban de prezo, coma todos os anos, vai depender da cantidade e da demanda que haxa nos días próximos ao Nadal.