Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un terremoto de 8,8 fronte á costa rusa desata alertas de tsunami no Pacífico; evacuacións masivas no Xapón e alarma nos EUA

Un terremoto de 8,8 fronte á costa rusa desata alertas de tsunami no Pacífico; evacuacións masivas no Xapón e alarma nos EUA

Desatou alertas no Xapón, os territorios estadounidenses de Hawai e Alaska, Canadá e varios países de Latinoamérica

Preto de dous millóns de persoas recibiron no Xapón ordes de evacuar os seus fogares ou de abandonar zonas costeiras

O sismo, que vito xa varias réplicas, é un dos dez principais terremotos do mundo dos que hai rexistros

O tsunami provocou alertas en países como o Xapón
G24.gal 30/07/2025 08:18

Un terremoto de magnitude 8,8 fronte ás costas do sur da península rusa de Kamchatka desatou alertas de tsunami en varios países bañados polo océano Pacífico, entre eles Xapón, os territorios estadounidenses de Hawai, California e Alaska, Canadá e varios países de Latinoamérica.

O sismo é un dos dez principais terremotos do mundo dos que hai rexistros, entre os cales o de Valdivia (Chile) de 1960 bate o récord cunha magnitude de 9,5.

Ao longo da maña rexistráronsde varias réplicas, algunha delas cunha magnitude de 6,2.

Os servizos de emerxencia rusos rexistraron este mércores ondas de máis de 4 metros de altura nas costas do sueste da península de Kamchatka.

En total, foron evacuadas unhas 2.700 persoas, incluído 600 nenos, no arquipélago das Kuriles, mentres en Kamchatka tivo que ser evacuado un campamento de surfeiros pola alerta de tsunami.

No país nipón, a operadora da accidentada central de Fukushima Daiichi, TEPCO, evacuou este mércores a todos os traballadores da planta. Son aproximadamente 4.000 traballadores de Daiichi e Daini, outra planta que se atopa á beira, e detivo tamén a vertedura ao océano da auga tratada da accidentada central.

Preto de dous millóns de persoas recibiron no Xapón ordes de evacuar os seus fogares ou de abandonar zonas costeiras ante o risco de tsunamis causados polo terremoto. 

O sismo rexistrouse ás 08:25 hora local xaponesa (23:25 GMT do martes), informou a Axencia Meteorolóxica do Xapón, que estimou unha magnitude preliminar de 8 revisada despois a 8,7 e posteriormente a 8,8.

O Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos tamén detectou o tremor, cuxo epicentro estimou a uns 18,2 quilómetros de profundidade sobre o leito mariño.

As autoridades xaponesas constataron a chegada este mércores dun tsunami de ata 40 centímetros na illa de Hokkaido, no norte do Xapón, despois de que se emitise unha alerta.

As primeiras ondas chegaron á cidade de Hanasaki, en Nemuro, ás 10:30 hora local (01:30 GMT), e nas localidades de Hamanaka, o porto de Kushiro e Ako observáronse tsunamis de altura parecida, segundo detallou a cadea xaponesa NHK.

A altura do tsunami podería elevarse, dado que poden transcorrer varias horas desde a chegada das primeiras ondas ata que se rexistra a altura máxima deste fenómeno.

As autoridades xaponesas ordenaron a evacuación das zonas costeiras desde o leste e sur de Hokkaido, e as prefecturas de Aomori, Iwate, Miyagi, Fukushima, Ibaraki, Chiba, Kanagawa, Shizuoka, Mie e Wakayama, nas costas do Pacífico que abarcan toda a metade leste e parte do centro do arquipélago, ante a previsión de que os tsunamis poidan alcanzar os tres metros.

Ademais, a baía de Tokyo atópase suxeita a un aviso de tsunami de ata un metro, e tamén a de Osaka, onde se celebra a Exposición Universal, e as illas de Shikoku (oeste), Kyushu (suroeste) e Okinawa (suroeste).

Alerta máxima en Hawai: piden a evacuación das zonas costeiras

A Oficina Nacional de Administración Oceánica e Atmosférica (NOAA) elevou ao máximo a alerta por risco de tsunami en todo o estado de Hawai, situado no medio do océano Pacífico, e tamén no extremo máis occidental de Alaska. Ademais emitiu unha precaución para toda a costa oeste dos Estados Unidos e Canadá.

O gobernador de Hawai, Josh Green, decretou o estado de emerxencia no arquipélago e chamou a poboación a evacuar as zonas costeiras.

As autoridades canadenses pediron aos habitantes de gran parte da súa costa do Pacífico que eviten as praias e as zonas litorais.

Nas Filipinas alertouse da chegada de ondas de menos dun metro en varios puntos costeiros do arquipélago. "Prevese que as primeiras ondas do tsunami cheguen entre 13:20 e 14:40 hora local (05:20 e 06:40 GMT)", sinalou o Departamento de Sismoloxía.

Segundo os resultados da análise da Axencia Indonesia de Meteoroloxía, Climatoloxía e Xeofísica, o terremoto ten o potencial de causar un tsunami con altura inferior a 0,5 metros.

Alerta xeneralizada no pacífico latinoamericano

O Centro de Alertas de Tsunamis da Secretaría de Mariña de México emitiu unha alerta para as costas do Pacífico mexicano, onde se espera a chegada de alturas menores de 20 centímetros a partir da 02:00 hora local (08:00 GMT do mércores) e ata cinco horas despois en Ensenada, Punta Abreojos (Baixa California), Cabo San Lucas (Baixa California Sur), Mazatlán (Sinaloa), Puerto Vallarta (Xalisco), Manzanillo (Colima), San Blas (Nayarit), Lázaro Cárdenas (Michoacán), Acapulco (Guerrero), Salina Cruz (Oaxaca) e Puerto Madero (Chiapas).

En tanto, a Axencia de Meteoroloxía do estado de Chiapas tamén apuntou costas de Guatemala (Champerico), O Salvador (Acajutla), Nicaragua (Corinto) Costa Rica (Quepos) e Panamá (Punta Mala).

O presidente Gabriel Boric informou de que hai unha alerta de tsunami para toda a costa de Chile para mañá (mércores), e segundo o protocolo evacuarase tres horas antes da estimación da chegada da onda.

A alerta aplica para as rexións de Atacama, Coquimbo e Valparaíso, e estado de precaución en Arica e Parinacota, Tarapacá, Antofagasta, O'Higgins, Maule, Ñuble, Biobío, Araucanía, Los Ríos, Los Lagos, Aysén e Magallanes.

O Centro Nacional de Alerta de Tsunamis de Ecuador lanzou unha advertencia ante a alta probabilidade dun tsunami que afecte ás Illas Galápagos e para as costas do territorio continental mantense a observación.

A Dirección de Hidrografía e Navegación da Mariña de Guerra do Perú lanzou unha alerta de tsunami para todo o litoral do país.

En cambio, a Dirección Xeral Marítima de Colombia informou que non existe ameaza de tsunami para a costa do pacífico colombiano.

Pouco despois do terremoto comezaron a circular imaxes en redes sociais de danos estruturais en localidades da península de Kamchatka, entre elas o derrubamento parcial dunha gardería no Krai de Kamchatka, mentres que o gobernador da rexión de Sakhalin publicou fotos de danos na illa de Paramushir.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade