Ferrol e Viveiro reúnen milleiros de persoas neste Xoves Santo
Tanto a Semana Santa de Ferrol como a de Viveiro están declaradas de Interese Turístico Internacional
Ferrol e Viveiro ben poden considerarse as capitais galegas da Semana Santa. Os dous lugares reúnen nestes días milleiros de persoas para asistir as celebracións que, nas dúas localidades están declaradas Festa de Interese Turístico Internacional. O xoves Santo, tanto en Ferrol como en Viveiro, traen algunhas das procesións máis agardadas.
400 anos de historia e de paixón enchen as rúas en Ferrol este Xoves Santo dunha cidade que agarda con fervor as procesións que hai programadas. A primeira, a do Noso Pai Xesús da Humildade no Bico de Xudas chega ás 18:00 da tarde.
Ás sete e media será a quenda da procesión da Nosa Señora das Angustias e, despois e ata ben entrada a madrugada, chegará un dos momentos máis agardados: o da procesión do Santísimo Cristo da Misericordia e María Santísima da Piedade.
A Semana Santa de Viveiro, ao igual ca de Ferrol, está declarada Festa de Interese Turístico Internacional. A localidade mariñá recibe estes días multitude de visitantes que non queren perder esta cita coa tradición e a relixión. A procesión da Última Cea, programada para as sete da tarde, é das que máis expectación suscita. Saca a rúa un impresionante paso creado en 1808 por un artesán local que, segundo contan, para tallar os apóstolos, inspirouse en mariñeiros da vila.
Dúas procesións máis, a do Prendemento e a da Misericordia contra a medianoite, pecharán un Xoves Santo en Viveiro cheo de devoción e de arte sacra.