Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un petroleiro ruso con 100.000 toneladas de cru chega ao porto de Matanzas, en Cuba

Un petroleiro ruso con 100.000 toneladas de cru chega ao porto de Matanzas, en Cuba

Desde a Casa Branca aseguran que permitiron a entrada deste buque por "razóns humanitarias" e que analizará "caso por caso" se autoriza a chegada doutros

O cargamento tardará un mes en procesarse e podería dar uns 250.000 barrís de diésel, que cobren a demanda do país durante pouco máis de 12 días

O Anatoly Kolodkin transporta o primeiro cargamento de crú que chega á illa en tres meses. Reuters. O Anatoly Kolodkin transporta o primeiro cargamento de crú que chega á illa en tres meses. Reuters.
G24.gal 31/03/2026 15:19

O petroleiro ruso Anatoli Kolodkin, con 740.000 barrís de cru, equivalente a 100.000 toneladas, chegou este martes ao porto de Matanzas, ao oeste de Cuba, mentres o país se atopa sumido nunha grave crise enerxética no medio do asedio dos EUA.

A embarcación, que pertence á corporación Sovkomflot sancionada polos Estados Unidos desde 2024 e que partiu do porto ruso de Primorsk o pasado 9 de marzo, é o primeiro cargamento de petróleo en chegar á illa nos últimos tres meses.

Cuba vive desde mediados de 2024 unha grave crise que se profundou co asedio petroleiro imposto polo Goberno dos EUA desde xaneiro. As medidas do Goberno norteamericano foron cualificadas polas Nacións Unidas como “accións que vulneran os dereitos humanos”. A illa caribeña necesita uns 100.000 barrís de petróleo diarios, dos cales só 40.000 conségueos con pozos propios.

Unha vez chegado o cru do Anatoli Kolodkin a Cuba, tardaranse entre 15 e 20 días en procesar o petróleo e outros 5 a 10 días en entregar os seus produtos refinados, segundo os expertos. O cargamento ruso podería transformarse en 250.000 barrís de diésel, cantidade suficiente para cubrir a demanda do país durante pouco máis de 12 días.

Trump asinou unha orde executiva o pasado 29 de xaneiro na que ameazaba con aranceis a quen fornecese petróleo a Cuba, á que o Kremlin prometeu axuda humanitaria para superar a crise. A imposibilidade das autoridades cubanas de cubrir a demanda de enerxía traduciuse en prolongados apagamentos diarios e na paralización case total da economía.

A presidenta de México, Claudia Sheinbaum, afirmou este luns que o seu goberno traballa con autoridades cubanas para reactivar a subministración de petróleo á illa despois de que o domingo o mandatario estadounidense sinalase que non tiña “ningún problema” con que Cuba recibise combustible ruso.

Neste sentido, a portavoz da Casa Branca, Karoline Leavitt, asegurou que os Estados Unidos permitiron a chegada a Cuba dun petroleiro ruso por "razóns humanitarias" e que analizará "caso por caso" se autoriza a chegada doutros buques.

O Kremlin asegurou pola súa banda que seguirá fornecendo axuda a Cuba. O portavoz presidencial, Dmitri Peskov dixo na súa conferencia de prensa que “Rusia considera o seu deber non manterse á marxe e ofrecer a axuda necesaria”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade