Exhibición das Forzas Armadas presidida polo rei e ante milleiros de persoas en Vigo
Un total de 2.600 efectivos participaron nesta exhibición retrasmitida en directo pola CSAG
O acto central do Días das Forzas Armadas será este sábado coa presidencia dos reis e a presenza da princesa de Asturias e tamén será retrasmitido en directo pola CSAG
Milleiros de persoas desfrutaron este venres na praia viguesa de Samil dunha demostración dinámica na que as Forzas Armadas exhibiron o seu potencial terrestre, aéreo e naval con simulacións de combate, operacións anfibias e rescates de emerxencia, nun acto presidido polo rei, acompañado da ministra de Defensa, Margarita Robles.
Un total de 2.600 efectivos participaron nesta exhibición e na actividade previa na que o rei pasou revista a dotacións da Armada. Ambos os actos forman parte da programación con motivo do Día das Forzas Armadas, que este ano se celebra en Vigo.
Vestido con uniforme da Armada, o monarca presidiu a revista naval desde o Audaz, un dos buques de acción marítima máis modernos, botado en 2017. Este barco recentemente participou nun despregamento no Golfo de Guinea nunha misión de seguridade marítima e cooperativa, alén de estar integrado en diversas operacións de ámbito nacional.
O portaeronaves Juan Carlos I, o buque de asalto anfibio Castilla, as fragatas Blas de Lezo, Almirante Juan de Borbón e Reina Sofía; e o buque hidrográfico Malaspina, así como o buque oceánico Duque de Ahumada e a patrulleira Río Luna, ambos da Garda Civil, completaron a flota desprazada ata Vigo á que pasou revista o rei.
Tras este acto de saúdo e formación no mar, a atención trasladouse á propia praia de Samil, onde se realizou unha actuación operativa das capacidades conxuntas dos Exércitos, a Armada, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) e a Garda Civil a través de exercicios de alta complexidade, .
Esta exhibición dinámica, que o rei seguiu desde unha tribuna xunto á ministra de Defensa, o xefe de Estado Maior da Defensa o almirante xeral Teodoro López Calderón, outros membros da cúpula militar e demais autoridades, foi observada con gran expectación polos cidadáns apostados no paseo marítimo ou desde a area.
Os saltos sobre a praia de membros da Patrulla Acrobática de Paracaidismo do Ejercito do Aire e do Espazo portando a bandeira do centenario dos grandes voos e a insignia nacional abriron a exhibición. A continuación, unha sección motorizada de vehículos de alta mobilidade táctica de infantería e zapadores do Exército de Terra executou a atención a feridos en combate, a destrución dun dron e a desactivación de explosivos con cans.
Pola súa banda, a UME realizou unha demostración de rescate acuático e asistencia sanitaria ante inundacións como as acontecidas na dina que arrasou a Comunidade Valenciana en outubro de 2024, que culminaron con técnicas de estabilización e reanimación cardiopulmonar avanzada na praia.
Membros da Garda Civil con dous helicópteros levaron a cabo unha operación conxunta no mar fronte a unha ameaza terrorista e recrearon unha intervención de rescate a un buque secuestrado.
A Armada realizou unha operación anfibia completa por aire e por mar que simulou un escenario realista no que unha forza hostil tomou o control dunha zona costeira estratéxica, e a misión consistiu en recuperar ese terreo, neutralizar a ameaza e asegurar os obxectivos marcados na praia.
Cinco helicópteros da Patrulla ASPA levaron a cabo varias manobras acrobáticas e pecharon a exhibición pintando con fume os ceos coas cores da bandeira. A revista naval e a exhibición dinámica completáronse cunha exposición estática na avenida de Beiramar que permitiu aos visitantes coñecer de cercado os medios de defensa dos que dispón España para garantir a súa seguridade e a dos seus socios internacionais.
Todas estas actividades foron o preludio do acto central do Día das Forzas Armadas, o desfile que terá lugar este sábado tamén na praia de Samil, que presidirán os reis Felipe e Letizia, acompañados da princesa Leonor.