Detido en Lugo un home por contactar cunha menor nunha aplicación de citas
A Policía Nacional atribúelle un delito de acoso sexual en liña a menores
Un familiar descubriu o encontro e alertou os pais da nena

A Policía Nacional detivo en Lugo un home que contactara cunha menor de idade a través dunha aplicación de citas co obxectivo de manter un encontro sexual.
A intervención produciuse despois de que un familiar da menor os sorprendera camiñando xuntos por unha rúa dunha localidade da Coruña o pasado 3 de xullo.
Tras o aviso, os pais da nena presentaron unha denuncia e, con esa información, a Policía abriu unha investigación que permitiu identificar e localizar o sospeitoso, que foi detido e posto a disposición xudicial o 4 de xullo.
Segundo informou a Policía Nacional, ao arrestado atribúeselle un delito de acoso sexual de menores a través de internet.
O corpo policial subliñou a importancia da prevención mediante o control parental dos dispositivos e canles de comunicación utilizados polos menores, co obxectivo de evitar a súa vitimización dixital.