Dous homes feridos graves ao envorcar un coche na AG-51 en Salvaterra
O vehículo saíu da vía ao pasar recto por unha rotonda e envorcou nun aparcadoiro dunha gasolineira

Dous homes de 38 e 39 anos resultaron feridos de gravidade nun accidente de tráfico na autovía AG-51, ao seu paso polo municipio pontevedrés de Salvaterra de Miño.
Segundo informaron fontes da Subdelegación do Goberno e do 112 Galicia, o sinistro produciuse pouco despois das 23:00 horas deste domingo á altura do punto quilométrico 0 desta vía, que conecta a A-52 coa Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisán).
O coche implicado avanzou recto por unha rotonda, saíu da calzada pola marxe dereita e acabou envorcado no aparcadoiro dunha estación de servizo. No interior viaxaban o condutor e o acompañante dianteiro, que sufriron feridas graves, aínda que non fixo falta excarceralos.
O 112 mobilizou o GES-Bombeiros de Ponteareas, a Garda Civil de Tráfico e Urxencias Sanitarias-061. Ambos os feridos levaban posto o cinto de seguridade no momento do impacto e foron evacuados ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
O servizo de urxencias 061 desprazou ao lugar dúas ambulancias: unha de soporte vital avanzado, que trasladou un home de 39 anos; e outra de soporte vital básico, que levou outro varón de 38 anos.
A Garda Civil solicitou a extracción de sangue para determinar a taxa de alcoholemia.