A comunidade de montes de Nogueiró decidiu criar gando vacún para a prevención de incendios
Adquiriron en 2022 sesenta vacas da raza autóctona frieiresa, coas que levan rozado arredor de corenta hectáreas entre monte comunal e leiras privadas
Prevén limpar outras trinta hectáreas de superficie arboradas para sementar pasto debaixo, que serán mantidas despois polo rabaño
A prevención é o mellor xeito de evitar os lumes. Iso require traballos de roza e limpeza da masa vexetal. Un labor que fai con excepcional eficacia o gando en extensivo.
A comunidade de montes veciñais en man común da parroquia de Nogueiró, no concello ourensán de Cartelle, e atopou nas vacas os seus únicos e mellores axentes forestais.
Comezaron o proxecto hai tres anos, coa idea de que o lume non entrara no pobo, tal como acontecía hai décadas cando o monte non ardía porque os veciños o aproveitaban.
"Aquí, hai cincuenta anos, o monte non ardía, porque os veciños ían ao monte a cachar toxo, estrume, para estrar as cortes do gando e facer esterco, que logo botaban nos campos. Agora a xente maior non pode traballar, e hai que pensar no futuro", sinala Pepe Vilachá, vicepresidente da CMVMC de Nogueiró, en Cartelle.
A través dunha subvención europea adquiriron unhas sesenta vacas. Un comuneiro encárgase do rabaño, que move no inverno e primavera arredor do pobo, controlado por pastores eléctricos, mantendo as leiras limpas. A parroquia conta con 42 comuneiros e un patrimonio de 80 hectáreas de monte comunal.
"Temos perimetradas unhas trinta hectáreas de monte comunal. Logo, a xente do pobo que ten leiras particulares, cedéunolas tamén para que apsten as vacas e consigamos así que o lume non se achegue as casas. Os animais son as desbrozadoras de 365 días ao ano", comenta Pepe Vilachá.
Unha segunda fase do proxecto contempla a roza de trinta hectáreas arboradas nas que sementar pasto.
"Temos un proxecto de silvopastoreo mesturado, en que podemos ter arborado e tamén as vacas. O interesante é que debaixo das árbores non medre a maleza para que non entre o lume e non nos arda o monte", di o vicepresidente dos comuneiros de Nogueiró.
As vacas limpan unha hectárea por día. Comen e crían becerros, que logo a comunidade para ceba. Non hai danos por lumes. Os comuneiros aforran en traballos de roza e extinción. As contas están claras: todo son ganancias.