Investigan un incendio intencionado nun coche en Ferrol, que estragou outro próximo
Segundo a dona do coche, a súa parella usou un acelerante e prendeulle lume ao coche, tras unha pelexa
As lapas estendéronse a un segundo turismo, aparcado detrás, e ameazou outros que estaban aparcados
Investigan o incendio, a priori intencionado, dun coche no barrio ferrolán de Canido, que deixou outro turismo tamén desfeito. Todo apunta a unha liorta entre unha parella.
Os estouridos, en plena madrugada, e un forte resplandor sacaron os veciños da cama dun golpe, e isto foi o que atoparon. Pasaron medo.
"O coche empezou a arder e tiven que retirar o meu coche porque estaba a labarada enriba, moi alta porque se estendeu o combustible todo", relata un veciño.
O coche, que agora está custodiado no depósito municipal, quedou nos ferros.
"O incendio estaba xeneralizado e xa lle afectaba a todo o vehículo e tiña bastante carga de calor. Fixemos dous tendidos, un de auga para refrixerar os outros vehículos que non estaban afectados e un de espuma para extinguir", explica Néstor Calvo, cabo dos Bombeiros de Ferrol.
Salvaron todos os turismos, menos o que aparcara xusto detrás. Sen comelo nin bebelo, o dono quedou sen coche.
"Plantáronlle lume ao que estaba diante, que deixou as marcas, e despois saltou para o meu e o meu quedou desfeito. Tiñámolo moi coidado", lamenta o afectado.
Sorte que as lapas non prenderon na árbore. O incendio foi intencionado. Segundo contou a dona do coche alí mesmo foi a resaca dunha liorta de parella.
"Parece ser que foi unha pelexa entre mozos e que el veu de noite e que lle botou un acelerante, polo que dicía a policía local, e plantoulle lume e de rebote, saltou ao meu", engade o home.
A Policía Nacional investiga se realmente se trata dun caso de violencia de xénero ou se foi ela mesma quen lle prendeu lume ao turismo. A parella xa protagonizara outros incidentes no barrio.