En quince anos Galicia perdeu case a metade da cabana de ovellas e cabras
Preocupa a situación porque cumpren unha función social e ambiental, xa que axudan a fixar poboación no rural e na prevención de lumes forestais
Hoxe hai 135.000 ovellas menos que hai quince anos, case a metade.
Preguntamos polas causas.
Manifesta Isaac López, gandeiro de Castroverde, que hai pouco relevo xeracional e que o sector está "pouco profesionalizado, hai moitas explotacións, moi pequenas, de menos de 50 ovellas".
Engade Jael Docampo, tamén gandeira, que "ser pastor hai que velo coma unha profesión esencial para previr incendios, o abandono do rural, que queden pobos baleiros. Todo iso é esencial e hai que poñelo en valor"
A función social deste tipo de gando é fundamental, de aí a preocupación polo seu descenso. Ademais, é moi versátil e favorecen a prevención de incendios forestais. Explica Jael que "ao pacer da un corte moi baixo e é moi aproveitador e deforesta moito por onde pasa, aproveita sitios por onde a vaca non é capaz de meterse".
Cren que o produto é bo, pero que se necesita algo máis de promoción e coordinación entre as distintas ganderías para sacalo ao mercado.