As vacas producen ata catro litros menos de leite cando a calor e a humidade son altas
Afecta tamén a graxa, a proteína e o sistema inmunitario
Hai anos que os gandeiros teñen instalados sistemas de ventilación que favorecen o benestar dos animais
As vacas, como ruminantes que son, xeran moita calor. Coas temperaturas destes días e a humidade, comen menos e producen menos.
Explica Ramiro Fouz, profesor de Produción Animal do Campus Terra de Lugo, que "cando se superan os niveis do índice térmico de humidade por riba dun nivel de setenta, que é unha combinación que se consegue facilmente con 25 graos e sesenta por cento de humidade, esa vaca ten unha diminución de produción xa salientable".
A mingua é maior canto máis dura o episodio de calor. Pode chegar a catro litros menos de leite, como media. O estrés térmico nas vacas tamén afecta a cantidade de graxa e a proteína.
A recuperación, ademais, non é inmediata, porque tardan en facelo varios días desde que pasa a calor. O gandeiro José Luis Tomé indica que "dependendo da granxa, eu estou por encima dun dez por cento de baixada de produción e máis teño sistemas de ventilación".
Sistemas de ventilación que parten dos 20.000 euros de investimento de media por granxa.