Se o lume afectou a túa granxa ou explotación, que tes que facer para reclamar danos?
A COAG publicou unha serie de recomendacións para poder facer fronte a este tipo de perdas e reclamar as posibles axudas necesarias

A vaga de incendios de España afecta cada vez máis explotacións gandeiras, chegando a queimalas por completo. Os granxeiros dependen destas explotacións para vivir, polo que resulta dunha gran perda para eles.
Para evitar problemas graves, é preciso saber como actuar nestes primeiros momentos. A Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) compartiu as recomendacións que os técnicos lles están dando aos gandeiros que perderon toda ou parte da súa explotación.
1. Sacar fotos localizadoras do sinistro: este é o primeiro paso para denunciar ante a Garda Civil, sen este paso non se poderá remitir o suceso ao seguro de cara ás peritaxes.
2. Gardar todas as facturas dos gastos xerados pola explotación: ter estes documentos facilitará a negociación coas administracións e a devolución dos importes. Estas poden ser por exemplo a alimentación do ganado, o custo da reparación das infraestruturas e estragos...
3. Comunicar as perdas de gando: en caso de sufrir algunha perda referida aos animais, é preciso contar as cabezas perdidas ou colmeas e comunicarllo á Unidade Veterinaria da zona. É un trámite básico para poder recibir as axudas necesarias.
Así, seguindo estes pasos, os trámites e negociacións poderán verse acelerados grazas á colaboración de ámbalas dúas partes.
Sobre o tema, a COAG tamén dixo que en Castela e León teñen experiencia baseada nas axudas que recibiron do anterior grande incendio na serra da Culebra.
Ante aquel incendio, as organizacións agrarias solicitaron abastecemento para a alimentación do gando de maneira urxente, flexibilidade nos condicionantes da PAC e a reconstrución de infraestruturas públicas.
Segundo a COAG, todas aquelas peticións foron atendidas polas administracións públicas e desta vez tamén esperan solucións similares.