Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detido por abusos a 61 menores facéndose pasar por representante en Gran Canaria

Detido por abusos a 61 menores facéndose pasar por representante en Gran Canaria

A operación, denominada "fake manager", comezou en 2024 tras a denuncia dunha das vítimas

Están identificadas 61 vítimas, segundo as investigacións da Garda Civil, pero podería haber máis

Esta operación "subliña a importancia de concienciar as familias e os menores sobre os riscos do denominado grooming", explica a Benemérita

Axentes da Garda Civil responsables da investigación da operación "Fake Manager". Imaxe: Garda Civil
G24.gal 30/11/2025 12:25

A Garda Civil da localidade de Vecindario en Gran Canaria, detivo un home acusado de graves delitos de abusos sexuais e corrupción infantil. O detido, presuntamente, chegou a agredir sexualmente varios menores tras obter fotos íntimas dos rapaces facéndose pasar na Internet por representante deportivo. Polo menos hai 61 vítimas.

Só una das vítimas se atreveu a denunciar os feitos en 2024. Fíxoo tras recibir apoio psicolóxico tras os abusos que sufriu, segundo informou este domingo a Benemérita nun comunicado. O resto das vítimas tiveron que ser localizadas logo de realizar unha "análise minuciosa do contido do teléfono móbil requisado ao detido".

O teléfono conduciu "á obtención de múltiples declaracións, tanto de vítimas coma de testemuñas" dos actos do detido. Segundo os datos obtidos, identificábase ante os menores cun alcume, e empregaba un modus operandi "altamente planificado e estruturado", destaca a nota.

"Como adoitan facer os agresores sexuais na Internet, empregaba técnicas de manipulación emocional para obter material de contido sexual e propiciar encontros presenciais que chegaron a materializarse en varias ocasións", explica a Garda Civil.

O acusado chegou a organizar unha viaxe deportiva á que acudiron varios menores, explica o comunicado da Benemérita. E esta viaxe organizouna cando xa fora detido nunha primeira ocasión no marco das investigacións, e malia a "prohibición de exercer actividades vinculadas con menores" que ditaminou daquela o xuíz instrutor do caso.

O acusado facíase pasar por mánager deportivo, ofrecendo aos menores falsas oportunidades de promoción, como probas en clubs de alto rendemento ou difusión dos seus perfís en redes especializadas, por unha banda, e, por outro, empregaba identidades femininas falsas para achegarse aos mozos.

As súas promesas de asesoramento profesional, no primeiro caso, convertíanse nun instrumento de manipulación para xerar unha débeda de gratitude que derivaba na obtención de favores de carácter sexual, incluíndo a solicitude de material pornográfico ou de encontros íntimos.

Mentres que o uso de identidades falsas permitíalle reducir as suspicacias dos mozos para introducir paulatinamente conversacións de contido sexual, solicitar imaxes íntimas e enviar material pornográfico, co fin de normalizar estas condutas.

 A Garda Civil subliña que "as vítimas relataron que mostraba insistencia reiterada en tratar temas sexuais e en requirir fotografías de carácter explícito".

Tras a única denuncia de 2024 e a recompilación dos primeiros indicios dos feitos en marzo de 2025, iniciáronse actuacións correspondentes para o esclarecemento do ocorrido, no marco dunha operación bautizada como "fake manager", operación que posibilitou un primeiro arresto do home, que quedou máis tarde en liberdade ata que volveu ser definitivamente detido o 12 de novembro de 2025, cando se decretou o seu ingreso inmediato en prisión por quebrantamento das medidas cautelares, tras obtérense novos indicios dos seus actos e de que reincidía na súa conduta, agregan desde o instituto armado.

Recalcan desde a Garda Civil que esta operación "subliña a importancia de concienciar as familias e os menores sobre os riscos do denominado grooming, isto é, a manipulación intencionada por parte dun adulto para gañar a confianza dun menor con fins de abuso sexual".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade