Publicador de contidos

Publicador de contidos

Problemas coa traída en Boiro: "Quedo sen auga todas as tardes desde que empezou o verán"

Problemas coa traída en Boiro: "Quedo sen auga todas as tardes desde que empezou o verán"

Veciños de Triñáns din quedan sen subministración a partir das nove

En Cabo de Cruz quéixanse da baixa presión cando hai picos de consumo

 

G24.gal 09/07/2026 14:22

 Nin unha pinga de auga a partir do serán. A escena repítese na casa de Alba desde o mes de xuño.

"De oito e media a doce da noite quedamos literalmente sen auga todos os días do verán. E iso que a miña casa de Triñáns está nunha zona medianamente chá. Se segues costa arriba todas as casas teñen problemas".

Acumula caldeiros de auga no cuarto de baño e na cociña e vese obrigada a fregar a louza ou poñer a lavadora antes de que se peche a billa. Mesmo improvisaron unha ducha no patio. Enchen o tanque coa mangueira polas mañás e así poden asearse ao volver do traballo ou da praia.

"E quédanos aínda todo xullo e agosto. É moi triste, nestes tempos que estamos e sen auga, é un servizo básico que estamos pagando".

Piden solucións inmediatas porque temen que o problema vaia a máis canta máis xente chegue a Boiro polo verán.

"No Concello non poñen medidas. Non nos din se hai que cambiar a tubaxe ou se é un problema de bombeo. É moi raro que pola mañá teñamos auga e xusto a esa hora non".

"Levamos anos cos veráns así, pero vamos a peor, porque a poboación aumenta".

Desde outros puntos, como Cabo de Cruz, tamén chegan queixas dalgúns veciños polos cambios de presión da auga.

"Sae moi amodo e con cantidade mínima, non te podes duchar ben".

"O que pasa é que ás oito todos chegamos da praia e nos duchamos ao mesmo tempo, nótase un pouco, pero a min non me afecta a nada".

"A min hoxe a auga me saía verde porque houbo un corte antes, despois foi collendo normalidade pero moi lentamente".

No Concello confirman que non se trata dun problema de abastecemento, senón de cambios na presión cando se producen picos elevados de consumo. Din que están a buscar solucións para evitar que se repitan, sobre todo nas partes máis altas do municipio, onde, como demostra Alba, poden chegar a quedar sen subministración.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade