Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Caniza denuncia o baleirado dun depósito con tres millóns de litros de auga e restrinxe o consumo

A Caniza denuncia o baleirado dun depósito con tres millóns de litros de auga e restrinxe o consumo

O Concello presentou denuncia ante a Garda Civil 

Prohibe usar auga da traída para regar xardíns, hortas ou zonas verdes particulares ou encher piscinas privadas

G24.gal 16/07/2026 19:08

O Concello da Cañiza denunciou ante a Garda Civil o baleirado do depósito municipal de abastecemento de Portoaugavella, cunha capacidade aproximada de tres millóns de litros, e solicitou unha investigación para esclarecer as causas do ocorrido.

Segundo informou este xoves o Goberno local nun comunicado, as instalacións atopábanse ao cen por cento da súa capacidade e apareceron completamente baleiras, sen que os servizos municipais detectasen fugas nin danos visibles na rede de abastecemento.

O alcalde, Luis Piña, cualificou a situación de "totalmente anómala" e destacou que o depósito ten capacidade suficiente para abastecer a poboación durante varios días mesmo sen recibir achegas das captacións e pozos que o alimentan.

A denuncia, presentada o pasado 3 de xullo, pon ademais en coñecemento das forzas de seguridade que determinados elementos de control da rede de abastecemento, como as chaves de paso, son accesibles.

 Restricións no consumo

O Concello estableceu unha serie de medidas extraordinarias de aforro de auga ante a "escaseza" de recursos hídricos, entre as que se inclúen a prohibición de regar xardíns, hortas ou zonas verdes particulares ou encher piscinas privadas.

Nun comunicado, o Goberno local informou de que estas restricións pretenden garantir a continuidade do servizo de abastecemento domiciliario de auga potable.

Por iso, prohibe usos non esenciais de auga da traída para regar, encher piscinas, baldear rúas, lavar coches ou calquera outro uso recreativo ou ornamental incompatible coa situación de escaseza actual.

Pola súa banda, tamén establece unha serie de recomendacións como evitar duchas prolongadas, pechar a billa mentres se enxaboa ou se lavan os dentes ou usar lavadoras coa carga completa.

"O Concello poderá realizar controis e inspeccións que resulten necesarios para comprobar o cumprimento das medidas establecidas", subliñaron desde o municipio, indicando que o incumprimento destas limitacións poderá supoñer a imposición de sancións.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade