Publicador de contidos

Publicador de contidos

Prisión provisional para o home de Carballo acusado de mallar brutalmente na muller

Prisión provisional para o home de Carballo acusado de mallar brutalmente na muller

O detido decidiu non declarar ante a xuíza que instrúe o caso e foi conducido á prisión de Teixeiro

Momento da chegada do detido aos xulgados de Carballo (EFE/Cabalar)
G24.gal 01/06/2022 13:59 Última actualización 01/06/2022 20:58

A xuíza titular do Xulgado de Instrución número 1 de Carballo ditou este mércores prisión provisional, comunicada e sen fianza para o veciño desta vila acusado de darlle unha malleira brutal á súa muller este luns pasado.

Así, permanece investigado por homicidio en grao de tentativa, sen prexuízo de posteriores cualificacións conforme avance a instrución do caso.  Fontes xudiciais confirmaron ademais que a xuíza tamén decretou unha orde de protección para a vítima e para os fillos da parella, o que implica que o home non pode aproximarse nin comunicarse con eles.  

Do mesmo xeito, suspendeulle o exercicio da patria potestade e a custodia dos menores, que será asumida en exclusiva pola nai. 

O acusado, que se acolleu ao dereito a non declarar, está sendo conducido á prisión de Teixeiro, unha vez finalizaron os trámites administrativos na sede xudicial. A xuíza tomou esta determinación logo de coñecer a versión dos investigadores e de escoitar á fiscalía e á defensa do acusado.

O detido pasaba esta mañá á disposición do xulgado da localidade competente en materia de violencia de xénero.

Logo de permanecer 48 horas detido, este home de 44 anos chegou minutos despois das dez da mañá aos xulgados escoltado por axentes da Garda Civil, esposado e encapuchado. O acceso fíxose directamente a través do garaxe dos xulgados de Carballo, polo que practicamente non se lle puido ver. 

A saída realizouse do mesmo xeito, e contra a unha e media da tarde abandonaba a sede dos xulgados de Carballo.

Está previsto que durante a xornada de hoxe tamén se tome declaración a testemuñas no mesmo Xulgado de instrución 1 desta localidade.

A vítima continúa ingresada na unidade de coidados intensivos do Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC) e atópase en situación estable con prognóstico grave.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade