Publicador de contidos

Publicador de contidos

Permanece en estado grave a muller agredida de forma brutal polo seu home en Carballo

Permanece en estado grave a muller agredida de forma brutal polo seu home en Carballo

O suposto agresor deulle unha malleira de madrugada e fracturoulle o cranio

Despois de fuxir, o home, que fora denunciado o ano pasado pola vítima por vexacións, entregouse este luns na Comandancia da Coruña 

Os bombeiros tiveron que acceder ao interior da vivenda familiar para recoller os nenos da parella

G24.gal 30/05/2022 08:29 Última actualización 30/05/2022 20:46

Brutal agresión machista no lugar da Fonte Caldeira, na estrada de Sísamo, en Carballo. Pouco antes das tres da madrugada, veciños das vivendas próximas ao domicilio onde conviven a vítima e o seu suposto agresor xunto aos seus dous fillos pequenos foron quen alertaron os servizos de emerxencias, probablemente tras escoitar ruídos.

Cando saíron atoparon a muller, de 43 anos, inconsciente, con sangue e feridas visibles na cabeza, supostamente causadas polo seu marido. O seu estado é crítico.

Ao lugar o 061 enviou dúas ambulancias e persoal sanitario do PAC de Carballo. Unha ambulancia de soporte vital avanzado, logo dunha primeira asistencia no lugar, trasladou á muller ferida ao Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC), confirmaron fontes sanitarias. 

Segundo transcendeu, a muller, de 43 anos, en estado crítico, permanece ingresada na UCI do hospital coruñés con graves feridas na cabeza

Fontes da Garda Civil informan de que o suposto autor da agresión foi detido cando acudía a entregarse, tras horas fuxido. O arresto produciuse contra ás 10:15, no control de entrada da Comandancia da Coruña.

Logo da detención, ao longo da mañá o home foi trasladado desde A Coruña ata o cuartel da Garda Civil de Carballo, onde axentes da policía xudicial se fixeron cargo da investigación.

A parella ten dous fillos menores de idade, que no momento da agresión estaban na vivenda. Os bombeiros tiveron que acceder ao interior para poder facerse cargo deles. Máis tarde os dous quedaron baixo a custodia dos avós de xeito temporal.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, confirmou unha denuncia contra o detido de hai un ano por vexacións e insultos, pero puntualizou que "non había orde de afastamento nese sentido e seguían convivindo xuntos". "É a única información que temos", asegurou.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, comentou que espera que a evolución médica da vítima "sexa favorable". "Como desexamos todos", dixo. Ademais, o rexedor confirmou que rechazara anteriormente asistencia do centro municipal de información á muller.

O teléfono de atención a vítimas da violencia machista é o 016 e non deixa rastro na factura telefónica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos