Acepta na Coruña máis de 5 anos de cadea por maltrato habitual á súa parella
Outro acusado, tamén na Audiencia Provincial da Coruña, enfróntase a 32 anos de cadea por agredir, violar e intentar matar a súa exparella
Un dos xuízos desta mañá na Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña, estase a celebrar a porta pechada. O acusado enfróntase a un total de 32 anos de cadea. Segundo o escrito do Ministerio Público, incumprira unha orde de afastamento ao contactar telefonicamente coa muller, e acordar, ambos os dous, acudir a unha vivenda, en Ares, para falar sobre o xuízo de malos tratos que se ía celebrar a semana seguinte.
Segundo a Fiscalía, o 1 de xullo do 2025, durante a noite, o home iniciou unha discusión coa súa exparella, propinoulle varias labazadas e despois agrediuna sexualmente, malia a negativa expresa da muller de manter relacións sexuais.
Ao día seguinte, tamén segundo o escrito de acusación, o home agarrouna polo pescozo, golpeou a súa cabeza contra unha parede e levouna ata un balcón onde intentou sacala ao exterior por riba da varanda.
Axentes da Garda Civil, alertados por outras persoas que lograron fuxir desa vivenda, acudiron ao domicilio e prenderon o investigado que permanece en prisión provisional.
A defensa alega que os feitos que lle imputan as acusacións non se corresponden coa realidade e solicita para el a libre absolución. O xuízo, que se está a celebrar a porta pechada, continúa o mércores.
O que si se celebrou en audiencia pública foi outro xuízo en que o acusado se enfrontaba a 17 anos de cadea por maltratar habitualmente a súa parella, agredila en reiteradas ocasións e mesmo chegou a retela durante varias horas no seu domicilio. Porén, as partes chegaron a un acordo e foi condenado a 5 anos e tres meses de prisión e ao pagamento de 6.000 euros á vítima polos danos morais causados.
"Sabe que a conformidade significa que acepta vostede as penas, pero tamén acepta os feitos do relato acusatorio?". "Si, señoría".
Uns feitos que, segundo o escrito da fiscalía, corresponden a mediados do 2025, cando o procesado comezou a agredir fisicamente durante as discusións motivadas polos seus celos e pola negativa del a abandonar o domicilio.
O último episodio comezou o 19 de decembro dese mesmo ano, cando a nai da vítima lle foi pedir que a axudase na florería. O home comezou a reprocharlle que era mentira que fose traballar e terminou pechando a porta do cuarto onde estaban. Tras colocarlle unha arma branca e atemorizala con facerlle dano á súa nai, a súa filla ou a ela mesmo, pechou as portas da vivenda por dentro. Horas despois, volveu agredila. Un capítulo que rematou coa detención do home ao día seguinte.
A sentenza xa foi declarada firme.