O acusado de matar a súa muller na Coruña tras esganala declárase inocente
Recoñeceu que a deixou tirada no chan toda a noite en que faleceu
"Estanme acusando dun delito que non cometín, e na miña vida o faría. Quería a miña muller con loucura. Por iso estou aquí. Por non facer nada. E estou no cárcere por non facer nada. Levo 26 meses aí metido, naquela gaiola".
Deste xeito se dirixía o procesado aos membros do xurado popular. El segue defendendo a súa inocencia, malia que recoñeceu que aquela madrugada do 2 de agosto do 2024 deixou a súa muller toda a noite tirada no chan. Contou que tras caer da cama, intentou erguela e que como non puido, deixouna recostada contra a mesa de noite tras poñerlle unha almofada na cabeza e arroupala."E alí quedou. E cando espertei, erguinme, fun ao cuarto e estaba exactamente na mesma posición. Non se moveu do sitio. Faleceu alí".
Durante a súa declaración recoñeceu que insultara e humillara a súa muller, coa que levaba 55 anos casado."Dás vergoña porque sempre estás así, non pararás nunca...". "Que pena ser como ti es, borracha coma unha cuba, non te podes erguer (...)"."Que ía facer? Aplaudirlle? Por iso pedín desculpas".
A fiscala preguntoulle se nalgunha ocasión lle presentou á súa muller unha demanda de divorcio."Non, queríaa demasiado. Ese foi o meu erro".
Tras a súa declaración, as tres acusacións particulares e a popular elevaron a definitivas as súas peticións iniciais. Piden unha pena de 26 anos e medio de cadea por un delito de asasinato, outro contra a integridade moral e un mais de inxurias e vexacións."Os técnicos aválannos. Onte foi a proba de todos os forenses e os especialistas da policía científica, e creo que a conclusión é clara", di Mercedes de la Fuente Formoso, avogada da acusación particular.
A defensa solicita a libre absolución e, subsidiariamente, que sexa castigado por un homicidio imprudente, coa pena mínima que vai dun aos catro anos de cadea. E agora admite o delito de vexacións e inxurias.
O próximo luns faráselle entrega do obxecto do veredicto ao xurado popular e xa comezarán a deliberar ata decidir se o acusado é culpable ou non culpable.