Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comeza a deliberar o xurado popular polo crime da Cidade Escolar da Coruña

Comeza a deliberar o xurado popular polo crime da Cidade Escolar da Coruña

O acusado enfróntase a 26 anos e medio de cadea por, presuntamente, esganar a súa muller

As acusacións particulares agardan que se faga xustiza

G24.gal 19/10/2026 13:56 Última actualización 19/10/2026 14:15

Logo de tres sesións de xuízo, os membros do xurado popular comezan a deliberar. "Agardo que se faga xustiza. As periciais son concluíntes", asegura Mercedes de la Puente Formoso, avogada da acusación particular.

"Quedou demostrado que o acusado asasinou de xeito bastante brutal a súa muller", manifesta Arancha de Miguel Feijóo, avogada da acusación particular. Claramente, a causa da morte é o esganamento e a asfixia. Non a causa da morte que alega a defensa", di De la Puente.

A defensa, na vista oral, alegou que non houbo ningunha manobra homicida. Fala dunha morte accidental. Polo que o acusado se declarou inocente.

"Estanme acusando dun delito que eu non cometín. E na miña vida o faría. Queríaa con loucura", declarou o acusado na vista oral.

Contou que a súa muller, aquela madrugada de agosto do 2024 estaba ebria, que caeu da cama, intentou erguela e, como non foi quen, deixouna recostada contra a mesa de noite tras poñerlle unha almofada na cabeza e arroupala.

"Bótome a durmir e, cando esperto, vou á habitación e estaba exactamente na mesma posición. Non se moveu do sitio. Faleceu alí". "Cada vez que tivo ocasión de falar, daba unha versión diferente. E non soubo explicar por que faleceu a súa muller alí", asegura Arancha de Miguel.

As acusacións piden para o acusado un total de 26 anos e medio de cadea por un delito de asasinato, outro contra a integridade moral e un máis de inxurias e vexacións. A defensa solicita a libre absolución. Subsidiariamente, que sexa castigado por un homicidio imprudente, coa pena mínima que vai dun aos catro anos de cadea.

Porén, agora, coas declaracións escoitadas e todas as probas enriba da mesa, o xurado popular terá que encaixar as pezas ata obter o seu veredicto de culpabilidade ou non culpabilidade do acusado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade