Prisión provisional e sen fianza para o home que lle disparou en Verín á súa exparella
O home, informou este mércores o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, está investigado polos delitos de tentativa de homicidio, quebrantamento de medida cautelar e tenza ilícita de armas
O xulgado ourensán acordou tamén agravar a orde de protección acordada polo xulgado de Xinzo de Limia o 26 de xullo de 2024, na que se lle prohibía "non só aproximarse á vítima e comunicarse con ela, senón tamén aproximarse e comunicarse cos seus tres fillos menores"

A titular do Xulgado de Instrución número uno de Verín, competente en violencia sobre a muller, decretou "prisión provisional, comunicada e sen fianza," para o home que disparou a súa exparella en Verín. O home, informou este mércores o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, está investigado polos delitos de tentativa de homicidio, quebrantamento de medida cautelar e tenza ilícita de armas.
O xulgado ourensán acordou tamén agravar a orde de protección acordada polo xulgado de Xinzo de Limia o 26 de xullo de 2024, na que se lle prohibía "non só aproximarse á vítima e comunicarse con ela, senón tamén aproximarse e comunicarse cos seus tres fillos menores".
Este home foi detido como presunto responsable de disparar a súa exparella no barrio Primero de Maio da localidade ourensá de Verín, unha muller incluída no sistema VioGén. O suceso ocorreu o domingo pasado e foi unha particular que presenciou todo a que deu a alerta. Ao parecer, agresor e vítima tiveron unha discusión polos fillos. Tras o ocorrido, a muller foi trasladada a un hospital de Vigo e os tres menores que están a cargo da vítima atópanse atendidos por "familiares".
As vítimas da violencia machista e a súa contorna poden pedir axuda en distintos recursos activos todos os días da semana e as 24 horas do día: o teléfono 016, o correo electrónico 016-online@igualdad.gob.es e a canle do WhatsApp no número 600 000 016. Nunha situación de emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos de emerxencias da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062) e, se non é posible facer esa chamada, en caso de perigo existe tamén a opción de activar a aplicación ALERTCOPS, que envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización.