Prisión provisional comunicada e sen fianza para o detido polo crime do Bolo
O home está investigado polos delitos de homicidio e malos tratos habituais, coa concorrencia de agravante de parentesco

A titular do Xulgado de Instrución nº1 de Trives acordou prisión provisional comunicada e sen fianza para o detido polo crime do Bolo. Está investigado polos delitos de homicidio e malos tratos habituais, coa concorrencia de agravante de parentesco.
A morte de Josefa, de 76 anos, presuntamente a mans do seu marido é o primeiro caso de violencia machista en Galicia no 2025 e o sétimo en España.
Os feitos producíronse o pasado domingo arredor das 18.30h na parroquia das Ermidas, a onde acudiron os servizos sanitarios que non puideron facer nada para salvarlle a vida á muller.
O tenente de alcalde do Bolo e sobriño da vítima, Miguel Ángel García Fariñas, instaba a sociedade a tomar un papel activo contra a violencia machista. "Cando a xente teña coñecemento destas historias, hai que denunciar", declarou. A muller non figuraba no sistema VioGén e non presentara denuncias contra o detido.
Neste segundo día de loito no concello do Bolo as bandeiras ondean a media hasta en sinal de condolencia. No resto de Galicia sucédense os minutos de silencio e actos de repulsa pola violencia de xénero, incluída a convocatoria de concentracións para condenar o feminicidio.