Publicador de contidos

Publicador de contidos

Prisión para un dos detidos polos disturbios racistas de Torre Pacheco

Prisión para un dos detidos polos disturbios racistas de Torre Pacheco

Acúsano de atentado contra a autoridade e desordes públicas

Xa hai dúas persoas en prisión provisional polos incidentes

O detido por chamar a facer unha cacería en Torre Pacheco é un escolta privado

Varias persoas durante unha manifestación non autorizada en Torre Pacheco. Edu Botella / Europa Press Varias persoas durante unha manifestación non autorizada en Torre Pacheco. Edu Botella / Europa Press
G24.gal 16/07/2025 19:41 Última actualización 16/07/2025 19:55

A xuíza de garda de San Javier ordenou este mércores prisión provisional comunicada e sen fianza para un dos detidos polos disturbios racistas ocorridos na localidade murciana de Torre Pacheco, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Murcia.

O investigado está acusado de atentado contra a autoridade e desorde pública. A medida pretende evitar a súa reiteración delituosa, xa que tras unha primeira detención a pasada fin de semana por atentado contra a autoridade e posterior posta en liberdade, volveu ser arrestado horas despois por alterar a orde pública e enfrontarse de novo ás forzas de seguridade.

Dous encarcerados e novas detencións

Con esta nova medida, xa son dúas as persoas que ingresaron en prisión polos feitos de Torre Pacheco. O primeiro foi o presunto autor material da agresión a un home de 68 anos o pasado 9 de xullo, que deu orixe aos disturbios. Foi detido este luns en Errenteria (Gipuzkoa) e reside en Barcelona, segundo indicou a delegada do Goberno en Murcia, Mariola Guevara.

Ademais, as forzas de seguridade detiveron tamén ao responsable dun canal de Telegram que chamou a "cazar" magrebís en Torre Pacheco. Trátase do presunto líder do movemento supremacista xenófobo 'Deport Them Now UE', arrestado en Mataró (Barcelona) e que pasará a disposición xudicial este xoves.

Outro detido, en liberdade provisional

Outro dos detidos nos últimos días compareceu este mércores ante o xulgado e quedou en liberdade provisional con medidas cautelares: comparecencias cada 15 días, prohibición de ter e portar armas e prohibición de acudir ou residir no termo municipal de Torre Pacheco. Estas medidas axústanse ao solicitado pola Fiscalía.

Continúan os controis de acceso a Torre Pacheco tras seis noites de disturbios

A Garda Civil e a policía local de Torre Pacheco volveron despregar este mércores un dispositivo especial de vixilancia nos accesos por estrada a esta localidade murciana, horas antes da sexta noite desde que comezaron os disturbios racistas.

O operativo coincide coa segunda xornada dunha concentración non autorizada, convocada a través das redes sociais diante do concello, en protesta pola agresión sufrida hai unha semana por un veciño de 68 anos a mans de varias persoas de orixe marroquí, xa detidas.

Os controis de acceso montáronse a partir das 18:00 horas ao redor da localidade e teñen como obxectivo identificar persoas que poidan portar obxectos susceptibles de ser usados en disturbios, como paus, cadeas ou garrafas de combustible.

Máis de cen axentes da Garda Civil participan nesta despregadura,  que reforza a presenza da policía local e conta con medios tecnolóxicos como drons, especialmente para garantir a seguridade durante a noite.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade