Detido en Lugo por explotación e detención ilegal dun estranxeiro en condicións infrahumanas
O home vivía en condicións infrahumanas, carecía de contrato e cobraba cantidades ínfimas: 2.000 euros por oito meses de traballo
Comisaría da Policía Nacional en Lugo (TVG)
Axentes do Corpo Nacional de Policía (CNP) detiveron un veciño da provincia de Lugo como suposto autor de varios delitos relacionados coa explotación laboral a un cidadán estranxeiro en situación de vulnerabilidade, dado que é sospeitoso de ameazas, detención ilegal e de mantelo nunhas condicións infrahumanas.
Segundo a información facilitada este venres pola Comisaría Provincial, a vítima, con necesidade de traballar debido á súa precaria situación privada, ao non atoparse en situación regular no país aceptou unha oferta sen contrato nunha zona rural da provincia de Lugo.
A persoa que o contratou ilegalmente prometeulle que lle proporcionaría vivenda, comida e un soldo en efectivo, a cambio de que traballase para el.
Segundo o testemuño da vítima, finalmente esta persoa facilitoulle un cuarto nunha vivenda case derruida, sen fiestras, con humidades e pingueiras. Ademais, só lle proporcionaba comida precociñada, de modo que vivía en condicións infrahumanas.
En canto ás súas condicións laborais, desenvolvía o seu traballo desde primeira hora da mañá ata ben entrada a noite, de modo que chegaba a exceder xornadas de 15 horas diarias a cambio de cantidades ínfimas de diñeiro. Concretamente, segundo precisa a Policía Nacional, cobrou sobre 2.000 euros por oito meses de traballo.
Tamén denunciou episodios de ameazas, coaccións e agresións físicas por parte do empregador. De feito, relatou que ao intentar fuxir do lugar, o detido atopouno e, baixo un clima de medo e ameazas, obrigouno a volver ao seu posto de traballo, de modo que foi retido en contra da súa vontade.
Finalmente, a vítima logrou escapar e, unha vez en Lugo, dirixiuse á Comisaría do Corpo Nacional de Policía para denunciar esta situación.
Ao ver o seu estado, os axentes asistírono inmediatamente e levárono ao médico. Os facultativos que o atenderon certificaron lesións compatibles cos feitos denunciados.
Posteriormente, a Policía púxose en contacto cos servizos sociais da cidade para auxiliar á vítima e iniciaron unha rápida investigación policial que derivou na detención do sospeitoso, que xa pasou ao dispor da autoridade xudicial.