Preocupación pola oficina de Correos do Pereiro de Aguiar
Actualmente só abre dúas horas ao día, de luns a venres, e temen que acabe pechando definitivamente
Din que o servizo é insuficiente para a zona de cobertura, que supera as dez mil persoas
Congregados ás portas da única oficina de Correos do concello do Pereiro de Aguiar, situada na localidade da Derrasa, os veciños quéixanse do servizo que lles prestan. Din que é insuficiente para un concello cunha elevada poboación entre a censada e a flotante.
"Hai tres polígonos cerca, un centro penitenciario que ten moita correspondencia e un núcleo de poboación do Pereiro que andamos nos 7.000 veciños", sinala un veciño da zona.
"É unha xente circulante, que non está empadroada, que podemos chegar a doce ou trece mil persoas en moitos momentos do ano", engade José Manuel Pérez, presidente da asociación de veciños da Derrasa.
Como indica o cartel que teñen na porta, actualmente a oficina abre só dúas horas ao día, de luns a venres, os sábados non hai servizo. A oficina máis próxima, segundo indican, é a da avenida de Marín, na cidade, a dez quilómetros de aquí.
"O home de aquí non ten culpa, pero os que traballamos pola mañá énos moi difícil vir e os sábados pecha". "Os novos traballan, non hai sempre xente nas casas para recoller o correo cando o levan", comentan dous veciños.
Temen que o seguinte paso sexa o peche definitivo porque os obrigaría a desprazárense ao concello de San Cibrao das Viñas ou á cidade de Ourense, co trastorno que iso implica sobre todo para a xente maior.
"Depender dun taxi ou dun familiar que nos leve. Esta oficina é necesaria", conclúe un veciño.
Desde Correos aseguran que os rumores de peche que circulan pola zona non teñen fundamento e que non hai ningún plan de eliminar a oficina nin de reducir horarios.