Preocupación entre os produtores de pataca da Limia pola escaseza de choiva
Dende xaneiro deste ano, na principal comarca produtora de pataca de Galicia choveu un 70 % menos
De seguires sen chover, perderán a metade da colleita auguran os agricultores
A choiva da fin de semana veulles moi ben ás patacas acabadas de sementar, pero despois dun inverno e unha primavera tan secas, non foron abondas para recuperar os acuíferos. Dende xaneiro deste ano, na Limia caeron só 150 litros por metro cadrado, é un 70 % menos de precipitacións que o normal e nótase nos pozos que a estas alturas tiñan que estar cheos, porén xa escasea a auga.
É a gran preocupación dos produtores de pataca, que siga sen chover, que a Confederación Hidrográfica do Miño Sil active o plan da seca e non lles permitan regar. Para a produción de pataca da Limia fan falta 1.500 metros cúbicos de auga por hectárea, se non se regan, a produción pode pasar de coller 40 mil quilos por hectárea a menos da metade, di Servando Álvarez, técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde.
Reduciríase á metade a colleita, pero as perdas económicas serían moito maiores, porque sen auga a pataca tería un calibre tan pequeno que o mercado non a admitiría. Ademais, este ano, coa suba do prezo dos carburantes, dos fertilizante e dos fitosanitarios, o custo de produción aumentou 6 céntimos o quilo. O presidente da Asociación de Produtores de Pataca da Limia, Amador Díaz Penín amosa a gran preocupación dos agricultores:
Producir un quilo de patacas, que nos custa un 40 por cento máis, se non podemos regar e a produción pode minguar, sen unha rega, a metade en 20.000 quilos, sería un ano desastroso para esta comarca.
Na Limia plantáronse este ano 3.400 hectáreas de pataca, de media recóllense 100 millóns de quilos, o que pase esta campaña depende da meteoroloxía, así que este ano os pataqueiros están máis pendentes da previsión e do ceo ca nunca.