O BCE acorda manter sen cambios os tipos de xuro a pesar da ameaza inflacionista
O Banco Central Europeo admite que se intensificaron os riscos para as economías europeas causados polo aumento dos prezos da enerxía tras o inicio da guerra lanzada en Oriente Medio polos Estados Unidos
Arquivo (DPA/Karl Josef Hildenbrand)
O Banco Central Europeo (BCE) acordou este xoves manter sen cambios os tipos oficiais de xuro, a pesar de que recoñece que "as perspectivas de inflación, os riscos á alza para a inflación e os riscos á baixa para o crecemento se intensificaron".
Os tipos de xuro aos depósitos bancarios mantéñense no 2 %, aínda á vista da inflación que subiu na zona euro ata o 3 % en abril, impulsada polo forte incremento dos prezos da enerxía como consecuencia da guerra en Oriente Medio.
O Consello de Goberno do BCE comprometeuse a fixar a súa política monetaria para asegurar que a inflación se estabilice no obxectivo do 2 % a medio prazo.
Di o regulador monetario europeo que "a guerra en Oriente Medio deu lugar a un acusado incremento dos prezos da enerxía, impulsando a inflación e afectando o clima económico".
"As implicacións da guerra para a inflación a medio prazo e para a actividade económica dependerán da intensidade e a duración da perturbación dos prezos enerxéticos e da magnitude dos seus efectos indirectos e de segunda volta", afirma nun comunicado, en que avanza que "canto máis tempo dure a guerra e os prezos da enerxía se manteñan en niveis elevados, máis forte é o posible impacto na inflación xeral e na economía".
Aínda así cre que a zona euro parte dunha situación favorable xa que chegou a esta situación "coa inflación situada en niveis próximos ao obxectivo do 2 %, e a economía mostrou capacidade de resistencia nos últimos trimestres".
Di o BCE que o Consello de Goberno realizará "un atento seguimento da situación e aplicará un enfoque dependente dos datos, no que as decisións se adoptan en cada reunión, para determinar a orientación apropiada da política monetaria", e que "non se compromete de antemán con ningunha senda concreta de tipos".
O Banco de Inglaterra deixou este xoves os tipos de interese no 3,75 % ante o encarecemento da enerxía pola guerra en Irán, que impulsou os prezos do petróleo por encima dos 126 dólares, o seu nivel máis alto desde 2022.
A Fed mantivo o mércores os tipos de interese no rango entre o 3,5 e o 3,75 %.