O euríbor pecha abril no 2,747 %, a taxa más alta dende setembro de 2024
Tras a nova subida en abril, as hipotecas variables volverán encarecer, xa que hai un ano, en abril de 2025, o indicador pechou cunha taxa moito menor, do 2,143 %
Así, para unha hipoteca variable media de 150.000 euros a 25 anos cuns xuros de euríbor mais o 1 %, a cota subirá en máis de 700 euros ao ano
O euríbor a doce meses, o principal índice usado en España para calcular as hipotecas variables, subiu de novo en abril, ata pechar cunha taxa media do 2,747 %, a máis alta desde setembro de 2024, e que encarecerá por segundo mes consecutivo os créditos hipotecarios. Nesta última sesión de abril, o euribor subiu con forza, ata o 2,848 %, e así, a taxa media do mes quedou no 2,747 %, o que supón 21,5 puntos básicos máis respecto a marzo.
No mes previo, o euríbor disparouse ata o 2,532 %, no que foi o seu maior ascenso mensual en máis de tres anos (xaneiro de 2023), ao subir 31,9 puntos básicos. Con esa subida, o euríbor, que permanecera estable os últimos meses, encareceu as hipotecas variables por primeira vez desde abril de 2024. E iso, como consecuencia do conflito desatado a finais de febreiro entre os Estados Unidos e Israel contra Irán, que provocou unha escalada nos prezos da enerxía e como consecuencia, unha alza da inflación.
Tras a nova subida en abril, as hipotecas variables volverán encarecerse, xa que hai un ano, en abril de 2025, o indicador pechou cunha taxa moito menor, do 2,143 %. Así, para unha hipoteca variable media de 150.000 euros a 25 anos cuns xuros de euríbor máis o 1 %, a cota subirá en máis de 700 euros ao ano. Se o préstamo é das mesmas condicións, pero dunha contía de 300.000 euros, a alza das cotas será duns 1.140 euros anuais.