O euríbor sitúase no nivel máis alto dos últimos 20 meses e encarece as hipotecas
As cotas dos créditos para a compra de vivenda vinculadas a este índice soben de media entre 700 e 1.400 euros anuais
Arquivo (Europa Press/Eduardo Parra)
O euríbor pechou maio cunha taxa media do 2,804 %, o que supón o seu terceiro ascenso consecutivo, nun contexto marcado polas tensións xeopolíticas en Irán, que dispararon o prezo da enerxía, elevaron a inflación e as expectativas de subas nos tipos de xuro.
O novo ascenso do euríbor, que é o indicador máis usado en España para calcular as hipotecas variables, provocará que as cotas destes créditos volvan encarecer, entre os 700 e os 1.400 euros anuais.
A taxa media de maio, ese 2,804 %, situouse por encima da de abril (2,747 %), e convértese na máis alta dos últimos vinte meses, desde setembro de 2024.
Así mesmo, foi moi superior á que a marcou o indicador hai un ano, cando foi do 2,081 %.
Como consecuencia da alza do euríbor, as cotas das hipotecas variables que se teñan que revisar experimentarán un incremento nas súas cotas. No caso dunha hipoteca media de 150.000 euros, a 25 anos e cun interese de euribor máis o 1 %, o incremento anual será duns 700 euros.
Se o préstamo é superior, de 300.000 euros, coas mesmas condicións, a alza nas cotas rozará os 1.400 euros anuais.