Preocupación en Perlío, en Fene, por unha parella que ten en tensión a veciñanza
Denuncian agresións, intimidación e pequenos roubos pola forza, que temen que vaian a máis
Fontes oficias confirman que a parella está sendo cada vez máis agresiva, mesmo noutros concellos
No interior dunha vivenda está a parella que ten atemorizada a veciñanza. Non son ocupas ao uso porque, de feito, o mozo vivira aquí de pequeno cos pais. Agora instaláronse na mesma planta, pero noutra das vivendas.
"O que temos é un problema de inseguridade. A nós que estean ocupando un espazo, tenlles que preocupar aos propietarios, pero é que son violentos, conflitivos e están xerando inseguridade", lamenta unha veciña que non quere dar a cara.
O edificio leva anos en estado ruinoso, con humidades e descascados nas paredes, por dentro e por fóra, un problema por si mesmo de insalubridade, ao que agora se suma outra ameaza.
"Leas por todos os lados e unhas miradas que dá medo pasar. Eu son maior e dáme medo pasar por aí porque non sabes que che van facer", engade outra muller.
"Si que son violentos. Eu vinlle pegar a un rapaz diante da casa do meu fillo cunha violencia extrema", confirma unha terceira veciña.
Denuncian agresións, intimidacións, ameazas e tamén roubos pola forza.
"Atracaronunha rapaza e non lle chegaron a levar nada porque ela forcexou con el, pero rompéronlle a mochila. Despois detivéronos, foron ao xulgado e cando saíron viron unha furgoneta coas chaves postas e xa volveron para a casa nela".
Fontes oficiais confirman que a parella está a ser cada vez máis agresiva, e mesmo noutros concellos da zona. A veciñanza dá por feito que o problema vai ir a máis, pero tamén saben de antemán que teñen pouco que facer.