Prenden un home na Coruña como sospeitoso dun delito de violencia machista
Prenden un home na Coruña como sospeitoso dun delito de violencia machista
A vítima dixo que a súa parella intentara asfixiala cunha corda e que a ameazara cun coitelo
Este martes a Policía Local detivo outro veciño da cidade acusado de agredir unha muller
Eran arredor das once da mañá cando a muller, visiblemente nerviosa, entraba nun taller mecánico do barrio coruñés da Agra do Orzán a pedir auxilio.
Nada máis vela, os propietarios do negocio xa se decataron de que presentaba sinais de violencia no pescozo. A Policía Local non tardou en chegar e levaron o home detido.
Tras pasar a noite nos calabozos da Policía Nacional de Lonzas, este martes, o home, investigado por un suposto delito de violencia machista, pasou a disposición xudicial.
Novo caso en poucas horas
Tamén na Coruña, a Policía Local detivo este martes á mañá un individuo por unha presunta agresión machista. Ocorreu nun inmoble da Rolda de Nelle que está ocupado ilegalmente.
Foi a propia vítima quen alertou os axentes. A moza foi atendida por persoal sanitario no mesmo lugar, sen que fose necesario trasladala ao hospital. Un dos inquilinos da vivenda foi trasladado á comisaría, como suposto autor da agresión.