Publicador de contidos

Publicador de contidos

As mellores hamburguesas, con L de Lugo

As mellores hamburguesas, con L de Lugo

A creación do Glam Moon, con búfalo e salsa de cogomelos entre pan de brioche, obtén o primeiro posto

Detalle da hamburguesa gañadora do certame
Félix Aragunde 27/10/2025 21:44

Na final do concurso A Mellor Hamburguesa con L de Lugo elaboráronse as cinco propostas seleccionadas nas fases previas. Ante o público da feira gastronómica, os cociñeiros fixeron gala das súas habilidades culinarias. Entre eles, por vez primeira participou o alumnado de Hostalería do instituto San Xillao.

"É unha ilusión para os mozos que representan o futuro da hostalería facer isto. A nosa hamburguesa baséase en produtos de orixe lucense, destacando o porco celta", sinala Victoria Nogueras, estudante de cociña do IES San Xillao de Lugo. 

"A nosa hamburguesa está feita con carne de vaca vella, madurada 60 días. E leva unha cremiña de burrata, unha salsa que é unha maionesa de pementos de Padrón, 'guanciale' frito e un 'carpaccio' de entrecosto", explica Adrián Santalices, cociñeiro e dono do restaurante Paparrúa de Vigo.

Os concursantes prepararon as hamburguesas contra o reloxo con diferentes carnes. Todas estaban empratadas con distintos pans subministrados pola firma Europastry, organizadora do certame xunto con ADIS Lugo, a asociación lucense de distribuidores de alimentación e de hostalería.

"Está claro que a nivel do sector agroalimentario está consolidando unha feira que xa é un referente, tal como buscabamos, no ámbito do noroeste estatal. Queriamos poñer en valor o produto e o patrimonio lucense", suliña Isabel Lozano, secretaria de ADIS Lugo. 

"Ao final este é un concurso que naceu co ánimo de potenciar o sector gastronómico galego, principalmente en Lugo e aproveitando o tirón que ten a feira L de Lugo", engade Mario Lorenzo, director de Europastry en Galicia. 

Con máis de 2.000 euros en premios, o primeiro posto recaeu no brioche con carne de búfalo e salsa de cogomelos presentado polo local lucense Glam Moon. Tratábase do segundo concurso de hamburguesas da cita gastronómica L de Lugo, unha feira enfocada ao sector hostaleiro que nesta quinta edición reuniu no Pazo de Feiras uns 7.000 asistentes chegados de todos os puntos de Galicia e de Asturias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade