Taboada festexa o caldo de ósos, unha receita tradicional da matanza
O caldo de ósos é un prato tradicional do gusto dos amantes dos pratos de culler
Con 34 edicións, a Festa do Caldo de Ósos de Taboada é unha das citas gastronómicas da provincia de Lugo xa consolidadas. O caldo é unha receita tradicional, de cociña de aproveitamento, que require repouso.
"Leva soá de porco, o espiñazo, garavanzos, patacas, un bo fondo de caldo e o secreto, aínda que dicimos que non llo botamos: os miolos do porco", detalla unha das cociñeiras.
O prato estrela da festa puido catarse no recinto da feira ou nos locais de hostalería da localidade.
"Dez. Sempre e con este tempo entra de marabilla"."Estamos a facer valoración de cal nos gusta máis. Hai diferenzas, hai que probar en todos". "O primeiro tiña un sabor algo picante moi bo, pero este vreo que é o que máis". "Moi bo, tiñamos curiosidade por probar o caldo de ósos de aquí e gustounos moito", declaran varios dos asistentes.
Na orixe da festa está unha reivindicación da cultura local e da memoria colectiva. Por iso, ten mercado de artesanía, obradoiros infantís e remata con cea popular e verbena.